PLENO
Apróbase a proposición do BNG para elaborar un plan para eliminar tubaxes con amianto
Goretti Sanmartín defendeu instar a ADIF e a Xunta para designar co nome de ‘Daniel Castelao’ a estación intermodal de Santiago de Compostela e facer unha exposición permanente no seu interior sobre o autor de “Sempre en Galiza
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2018.- O BNG trasladou unha proposición ao Pleno ordinario de xaneiro para reiterar a necesidade de crear un inventario de instalacións con fibrocemento do noso municipio e elaborar un plan de substitución das tubaxes con este material nocivo para a saúde da rede de abastecemento da auga potable. Rubén Cela xa levara en marzo de 2016 unha moción neste sentido, mais tres anos despois o Goberno municipal aínda non elaborou o plan de substitución deste material nocivo para a saúde e se reciben queixas de que cando rompen as tubaxes obsoletas tan só se parchea a zona sen realizar cambios estruturais de mantemento da rede de abastecemento de auga potable que corresponden. A iniciativa aprobouse por unanimidade.
Unha das mocións do BNG, defendida por Goretti Sanmartín, foi destinada a instar a ADIF e a Xunta de Galiza para designar co nome de ‘Daniel Castelao’ a estación intermodal de Santiago de Compostela e integrar no propio deseño a súa tipografía, obra gráfica e dispor no seu interior dunha exposición permanente para dar a coñecer o seu labor. Aprobouse por unanimidade.
Ao abeiro da moción destinada a vixiar as afectacións da solicitude de instalación dunha gasolineira no Castiñeiriño que causa preocupación neste barrio, interviñeron no Pleno dous veciños ante o temor de que este negocio vaia provocar problemas de seguranza, mobilidade, ruído, malos olores e contaminación do aire polas emisións procedentes da evaporación de combustíbeis de xeito continuado para as persoas que residen na zona. Aprobouse por unanimidade.
Ademais, ao fío da actualidade, o BNG defendeu unha moción sobre o conflito da sanidade pública e a folga de Urxencias no Hospital Clínico, para que o Concello de Santiago inste a Xunta a cumprir a táboa reivindicativa da Comisión de centro de atención especializada desta mobilización. Deste xeito, introduciuse no debate plenario as súas demandas contra os recortes en atención primaria, listas de garda, material insuficiente e obsoleto, precariedade laboral, plantas pechadas e doentes nos corredores de Urxencias. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PSOE e o PP votou en contra.
Outra moción serviu para trasladar outra reivindicación veciñal, neste caso do Carballal, para a mellora de acondicionamento do local social e para crear unha zona de esparexemento cun parque biosaudábel e outro infantil que dea servizo a maiores e crianzas desta parroquia. Aprobouse por unanimidade.
Para a organización de actividades na semana dedicada a Rosalía de Castro, arredor do 24 de febreiro, o BNG trasladou un rogo para que o Concello organice lecturas públicas, visibilización dos textos rosalianos en espazos municipais e actividades artísticas, xunto con outras de apoio ás iniciativas de mobilización en favor da lingua galega e da activación de políticas que garantan o seu uso en todos os ámbitos. Aceptouse.
Sobre as denuncias contra un gandeiro da Sionlla, o BNG realizou unha pregunta oral para coñecer datos sobre o encargo dun informe externo que determina que unicamente pode levar as vacas a unha determinada leira 7 días ao mes, cando a súa explotación precisa dispor de que os animais teñan acceso a zonas ao aire libre para favorecer a alimentación ecolóxica ligada ao solo.
Presentou tamén unha pregunta oral sobre a expansión do carrizo da Pampa, logo de que transcorresen dous anos desde que se aprobase unha iniciativa para a erradicación desta especie invasora en espazos públicos e parcelas municipais, e tamén para coñecer se se vai difundir un bando para instar a veciñanza a eliminar esta planta de xardíns e terreos particulares para contribuír a evitar a súa propagación co fin de que non degrade máis o noso hábitat.