PLENO

O BNG defenderá no Pleno a activación do ERTMS en Angrois

Catro anos despois do sinistro ferroviario do Alvia este sistema de seguridade segue sen estar operativo

O BNG defenderá no Pleno a activación do ERTMS en Angrois

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2017.- A concelleira do BNG Goretti Sanmartín Rei presentou en rolda de prensa unha iniciativa que defenderá no vindeiro Pleno destinada a esixirlles ao Ministerio de Fomento, ADIF e Renfe que se executen os compromisos adquiridos para mellorar a seguranza ferroviaria coa activación do sistema ERTMS que, catro anos despois do accidente de Angrois, segue sen estar operativo.

Comezou Goretti Sanmartín a rolda de prensa lendo os nomes de persoas falecidas no sinistro ferroviario. “O mes de xullo en Santiago de Compostela significa as festas, mais tamén ten que ser de memoria e de xustiza para lembrar as 81 persoas falecidas e máis de 140 feridas e para facer balance da situación catro anos despois do accidente de Angrois”, explicou.

Así, sinalou que “un dos problemas que puideron evitar esta traxedia foi a falta de activación do sistema de freado automático ERTMS” e dos informes posteriores derívase que foi “unha imprudencia total deixar tantas vidas en mans dunha única persoa que, neste caso tiña, que ter toda a pericia e responsabilidade sabendo que hai mecanismos técnicos para garantir unha maior seguranza”. Se este sistema estivese activado, sería probábel que este accidente non se produciría nin tería estas consecuencias, afirmou.

Lembrou que o BNG, ademais de acompañar as familiares das vítimas, está preocupado porque, ano tras ano, se anuncie que iso se vai solucionar e se vai instalar. Desde o 2013 houbo anuncios cada ano de que o sistema ERTMS estaría instalado nese tramo, “mais chegamos a 2017 e catro anos despois desta traxedia segue sen activarse”, nun contexto en que a discriminación galega a nivel de infraestruturas é clara tanto en seguranza como no desenvolvemento do trazado ferroviario onde se acumulan atrasos que se asumen con normalidade, trens avariados, dotación insuficiente, falta de tren de proximidade.

Destacou tamén que “as vítimas reclaman que se faga memoria e xustiza” por iso, o segundo punto da iniciativa vai encamiñado a que o Concello de Santiago de Compostela apoie a convocatoria de manifestación da Plataforma de Vítimas do Tren Alvia que sairá o 24 de xullo ás 11:00 da estación ferroviaria até a praza do Obradoiro para reivindicar a creación das comisións de investigación técnica e parlamentar.

 

A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios recibiu unha carta da Unión Europea, da comisaria de Transporte, “para convidar a reabrir as investigacións sobre o accidente de Angrois dunha maneira independente, que o BNG leva reclamado en tantas ocasións e que sempre encontrou un muro do PP e do PSOE”, concluíu.

O BNG defenderá no Pleno a activación do ERTMS en Angrois