PLENO

O BNG defenderá no Pleno a creación dunha comisión para impulsar o proxecto do polo de innovación tecnolóxica da Sionlla

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
“O atraso inxustificado de case un ano en ceder a parcela pode pór en perigo a viabilidade económica deste proxecto, que debe contar cunha reserva de emprego para a mocidade compostelá”, explica Goretti Sanmartín
O BNG defenderá no Pleno a creación dunha comisión para impulsar o proxecto do polo de innovación tecnolóxica da Sionlla

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2021.- O BNG aposta por crear unha comisión de estudo de carácter especial que avalíe e supervise a tramitación do proxecto de creación dun polo de innovación tecnolóxica na Sionlla.

“Pese a que o Concello de Santiago se comprometeu a participar no desenvolvemento dun polo de innovación tecnolóxica na Sionlla e a ceder unha parcela municipal, produciuse unha demora inxustificábel que pode poñer en risco os fondos económicos da axuda do IGAPE e a propia viabilidade deste proxecto”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz do BNG en Raxoi. Desde que a sociedade promotora deste proxecto solicitou a parcela o 5 de xuño de 2020, transcorreu case un ano para que Goberno local iniciase o 21 de maio de 2021 o procedemento de concesión demanial que aínda está sen resolver.

Así, o Pleno debaterá unha proposición conxunta de BNG, PP e CA no Pleno de xullo para que se constitúa unha comisión de estudo de carácter especial integrada consonte a un sistema de voto ponderado por dous membros de cada grupo municipal para que supervise a participación do Concello no proxecto de creación dun polo de innovación tecnolóxica, avalíe a presumíbel falta de dilixencia e esixa, no seu caso, as responsabilidades oportunas.

O tempo transcorrido entre a primeira solicitude e o mero inicio do expediente, así como o exame do mesmo, “reflicten unha presumíbel falta de dilixencia e unha situación de desgoberno, particularmente no departamento de Urbanismo”, que resulta grave por tratarse dun asunto estratéxico para a cidade e que pode ser indicativa doutras situación semellantes, segundo recolle o texto desta iniciativa.

Para o BNG, o apoio na tramitación ao polo de innovación tecnolóxica da Sionlla debe ser unha prioridade política, como xa demandou en anteriores ocasións, para o que aposta por ter unha persoa técnica responsábel no Departamento de Urbanismo que actúe como interlocutora única para centralizar e axilizar as xestións internas da tramitación administrativa municipal. “Neste tempo de crise, é fundamental que o Concello de Santiago promova o asentamento de empresas e a captación de proxectos de investimento nos sectores biotecnolóxico e da madeira no parque empresarial, para facer de Santiago e Galiza un referente no sector”, indicou.

 

O BNG defende tamén que o Concello, en colaboración coa USC e Uninova, realicen unha reserva de contratación para persoas mozas de Santiago de Compostela neste polo de innovación en biotecnoloxía da Sionlla.

O BNG defenderá no Pleno a creación dunha comisión para impulsar o proxecto do polo de innovación tecnolóxica da Sionlla