PLENO
O BNG esixe a retirada da simboloxía franquista que aínda permanece en 10 edificios públicos de Santiago de Compostela
Recolle nunha moción o inventario da Gentalha do Pichel de emblemas que incumpren a Lei de Memoria Histórica
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2017.- O grupo municipal do BNG traslada unha moción ao Pleno para a eliminación de simboloxía franquista que aínda permanece en edificios públicos de Santiago de Compostela, anos despois da entrada en vigor da Lei de Memoria Histórica.
A Comisión de Historia da Gentalha do Pichel fixo un estudo e rexistrou unha petición ao Concello de Santiago para a recuperación e dignificación da memoria das persoas vítimas de represión, asasinadas, obrigadas ao exilio para salvaren a vida, humilladas e asediadas pola ditadura fascista. Nesta iniciativa, realizaron un inventario de bens onde aínda permanece simboloxía franquista en Santiago e citaban a presenza de escudos na antiga escola de Amio, na Facultade de Químicas, na estación de ferrocarril (tras un panel do logo de ADIF) e en Correos (dentro dunha caixa); símbolos da Vitoria no claustro do mosteiro de San Martiño Pinario, no hotel do mosteiro de San Francisco e no CIFP Politécnico de Santiago; unha cruz e inscrición no mosteiro de Antealtares, unha placa do sindicato da Falanxe nas vivendas sindicais da rúa Canfranc, na Pontepedriña; así como outras en vivendas particulares. A isto engádese un escudo do Frente de Juventudes na fachada do Auditorio da USC, no campus sur.
O artigo 15.1 da Lei da Memoria Histórica, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se estabelecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a Guerra civil e a Ditadura, determina que “as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra civil e da represión da Ditadura”. Entre estas medidas poderá incluírse a retirada de subvencións ou axudas públicas, en vigor desde o día 28 de decembro de 2007, segundo a disposición final segunda da citada Lei 52/2007.
Así, o feito de que esta simboloxía se sitúe en edificios que non fan parte do patrimonio municipal non exime o Goberno local de realizar as xestións precisas para que a Igrexa católica, Universidade, Correos ou calquera particular eliminen esas pezas.