INSTITUCIONAL
O BNG organiza un acto en memoria de Ánxel Casal, alcalde de Santiago asasinado no franquismo
Será o martes 20 de agosto ás 12:00 no número 15 da rúa do Vilar, onde estaba a Imprenta Nós
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2019.- O BNG organiza o vindeiro martes 20 de agosto un acto aberto en memoria de Ánxel Casal, alcalde nacionalista de Santiago de Compostela en 1936, cando foi asasinado polo franquismo. Contará coa participación da portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei; da concelleira Navia Rivas; e do fotohistoriador Carlos I. Castelao.
O BNG quere, con este acto, recuperar a memoria de Ánxel Casal e das 226 persoas que padeceron algún tipo de represión durante o franquismo, segundo datos recollidos na investigación Voces e Nomes e case cen as paseadas, executadas ou en prisión.
Ánxel Casal Gosenxe naceu na Coruña en 1895 e foi asasinado en 1936 en Cacheiras. Foi integrante das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, propietario da Editorial e da Imprenta Nós, membro do comité para o Estatuto do 36, alcalde de Santiago de Compostela e vicepresidente da Deputación da Coruña.
Colaborou con diversas iniciativas republicanas, galeguistas e sindicais. Foi editor e impresor de ducias de publicacións periódicas e promotor da Asociación de Escritores de Galiza, truncada polo alzamento franquista.
Destaca a faceta de Casal como editor con conciencia expresa de pór en marcha unha industria cultural galega, como un auténtico método de transformación da sociedade. Foi un gran valedor e promotor do libro galego e, polo tanto, un dos primeiros grandes espalladores das ideas do galeguismo e da dignificación da cultura e da lingua galegas.
Así, quixo dotar Galiza, coa lingua galega como vehículo de comunicación, dunha estrutura editorial, tanto na edición de textos fundamentais para a cultura galega moderna, como na presentación estética desas obras, de acordo coas tendencias profesionais da edición europea do momento.
Como secretario de propaganda do Partido Galeguista, asistiu á xuntanza organizada no Concello de Santiago para convocar a Asemblea de Municipios para a redacción do Estatuto. En 1934 participou no Mitin das Arengas, na praza da Quintana. Fixo parte da comisión que entregou o texto do Estatuto ás Cortes, logo de ser recibido en audiencia polo presidente da República.
O 20 de xullo de 1936, a autoridade militar obrigouno a ceder o mando do Concello de Santiago. O 4 de agosto é conducido á cadea, onde estivo detido canda presos republicanos, entre eles o seu amigo Camilo Díaz Baliño, pouco antes do seu asasinato a mans da represión franquista. En 1940, as Mocedades Galeguistas da Arxentina publicaban un discurso de Castelao baixo o selo de Edicións Ánxel Casal.