ELECCIÓNS
O BNG participa nas actividades para conmemorar o Banquete de Conxo e a súa significación histórica
A iniciativa impulsada polo BNG para recuperar este espazo fora aprobada en Pleno en 2014 e incluída na negociación de Orzamentos de 2016
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, acompañada cun amplo grupo de militantes e simpatizantes, participarán este domingo nas actividades para conmemorar o Banquete de Conxo, do que agromou a xeración do Rexurdimento da cultura galega. Para o BNG é satisfactoria a acollida da veciñanza a esta iniciativa que foi impulsada pola formación nacionalista para recuperar este espazo e a súa significación histórica.
De feito, un grupo de militantes do BNG realizaron na propia data da efeméride un percorrido polo roteiro do Banquete de Conxo para conmemorar aquel 2 de marzo de 1856, cando se fixo un brinde pola liberdade e a fraternidade entre estudantes e obreiros. Con esta acción, quixeron recordar que a proposta de recuperar este espazo foi aprobada en Pleno de 2014 e incluída na negociación de Orzamentos de 2016, co obxectivo de restaurar este emprazamento e de divulgar a historia de Galiza.
De acordo coa proposta do BNG procedeuse á recuperación da carballeira, á reposición do belvedere alí existente e á canalización dun colector para mellorar a calidade da auga do río, ademais do seu acondicionamento para facer deste lugar emblemático un espazo atractivo con sinalización para a súa visita e paneis explicativos para lembrar a historia do lugar.
No acto de 2 de marzo de 1856 fraguouse un movemento político, social e cultural en que participaron Manuel Murguía, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane e mesmo se di que Rosalía de Castro, ademais de estudantes e obreiros con tendencias democráticas e de compromiso co país, que reivindicaban o dereito de Galiza a administrar os seus propios recursos. Coa publicación en galego de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro; Queixumes dos Pinos, de Eduardo Pondal; Aires da Miña Terra, de Curros Enríquez, e A Musa das Aldeas, de Valentín Lamas Carbajal, retomouse unha plenitude literaria, que se complementa coa aparición de prensa escrita tamén en galego nesa época como “O Tío Marcos da Portela”, “O Galiciano”, “A Monteira” e “As Burgas”, o que supuxo o xermolo da corrente cultural dos chamados Precursores e da etapa política do provincialismo, que foi xermolo do rexionalismo, do galeguismo e do nacionalismo galego.