AMBIENTE
O BNG propón impulsar o Plan Especial das Brañas de Sar
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020.- O BNG traslada ao Pleno de setembro unha proposición para impulsar o Plan Especial das Brañas de Sar, de especial valor ecolóxico e social, para incrementar a súa protección ambiental e os espazos de lecer ao aire libre durante a pandemia da covid-19. Reclama tamén que o Concello de Santiago realice unha intervención nos camiños do Viso á Costa Vella para continuar co saneamento e acondicionamento da ribeira do Sar para proseguir co cinto verde e ofrecer unha nova zona máis coidada desde a perspectiva ambiental.
Segundo explicou Navia Rivas, concelleira do BNG, este espazo volve recuperar interese na actualidade para incrementar a súa protección ambiental e patrimonial, co desenvolvemento do plan especial, e especialmente para as necesidades derivadas da pandemia da covid-19. “Era unha evidencia xa con anterioridade á chegada do coronavirus, unha mudanza nos gustos de composteláns e compostelás, que pasaron de se mover polo centro histórico e determinadas prazas a acudir con cada vez maior frecuencia a parques e zonas verdes”, sinalou.
Esta tendencia, xa recollida no estudo realizado polo Grupo Galabra para a USC, viuse reforzada coa chegada da pandemia, un feito que provocou unha utilización moito maior de espazos verdes e zonas para practicar deporte e realizar actividades de ocio ao aire libre. Por todo isto, é mais urxente que nunca o acondicionamento como zona de lecer e de práctica deportiva ao aire libre.
O Plan Especial de Ordenación, Mellora Ambiental e Acondicionamento de Brañas do Sar (PE-3R), impulsado desde o Consorcio de Santiago, aprobouse en Pleno o 31 de marzo de 2011 coa intención de regular os usos públicos do parque, de crear percorridos peonís e de servizo, ademais de preservar as características ambientais, con especial atención ás canles públicas e á conservación dos humidais e das áreas de asolagamento natural. Este plan especial tamén valora o conxunto de elementos de interese arquitectónico, etnográfico, patrimonial e natural asociados á zona, tales como cómaros, pontellas, pontes e vexetación de interese. Realizouse sobre un estudo previo de Albert Cuchí, profesor da Escola de Arquitectura da Universitat Politécnica de Catalunya e experto en edificacións sustentábeis e xestión da auga.
As Brañas do Sar esténdense nunha superficie de 365.000 m2 nas ribeiras do río Sar, entre a Pontepedriña e as Fontiñas, e recollen auga de escorrentía dos montes do Pedroso, Viso e Gaiás para constituír un cinto verde de 49 hectáreas que debe ser protexido polo seu valor ambiental e polo seu uso tradicionalmente agrícola.