AXENDA 2030

O BNG realizou unha listaxe de achegas á Axenda 2030 que foron incorporadas para o desenvolvemento sustentábel de Santiago

Goretti Sanmartín Rei
Goretti Sanmartín Rei

O grupo de Goberno do PSOE non asistiu a algunhas das reunións convocadas e noutras nin sequera participou

O BNG realizou unha listaxe de achegas á Axenda 2030 que foron incorporadas para o desenvolvemento sustentábel de Santiago

Nas 250 páxinas do documento inicial que se enviou ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 non se fai referencia á Universidade, nin ao rural nin á relación coa comarca de Compostela

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín presentou as propostas que trasladou o BNG aos grupos de impulso e seguimento da Axenda Urbana 2030 de desenvolvemento sustentábel. “É unha oportunidade de deseñar o modelo de cidade; no caso do BNG temos claras as liñas do Santiago que queremos e estamos fartas de propaganda e de fume, de que o Goberno local faga proxectos sen contar con ninguén ou, como neste caso, poña en marcha proxectos participativos en que logo non se implica”, advertiu.

Ao abeiro desta Axenda Urbana 2030 houbo seis grupos de seguimento e na valoración global expresou “o escaso interese que demostrou o grupo de Goberno nestas reunións, pois a algunhas delas non asistiu ninguén do grupo de Goberno e a outras asistiron sen participar, cando se trataba de recadar ideas e poñelas en común co tecido asociativo”. Ademais, cuestionou que a diagnose se enviou directamente ao Ministerio sen que o Consello Económico e Social puidese aprobar e valorar o documento de xeito previo.

Nas máis de 250 páxinas que ten o volume da Axenda Urbana, a USC non existe cando é unha institución fundamental, como tampouco existen o rural nin a prestación de servizos comúns á comarca. Recoñeceu que houbo “moita vontade” de persoas participantes, “mais a non todos os colectivos se lles fixo chegar este convite, polo que existiron deficiencias importantes”, indicou.

Entre as propostas que trasladou o BNG que recibiron un acordo nos grupos de traballo para incorporar nesta Axenda Urbana 2030 está que a Universidade de Santiago ten que xogar un papel fundamental nesta estratexia, ademais de conseguir recuperar a residencia, que sexa un campus cunha ordenación que faga que o conxunto da poboación poida gozar desa zona, que se recupere o espazo peonil cunha alternativa ao aparcamento soterrado e que haxa programas de retorno da mocidade egresada, de persoas que cursaron aquí os seus estudos e son expulsadas. Esa diversificación económica pasa tamén pola volta dese talento emigrado e por partillar infraestruturas e servizos coa Universidade de Santiago, cun acordo de que foi un erro que quedase esta institución fóra desa diagnose inicial.

“Tamén houbo un acordo claro en que hai que potenciar o rural, que hai que apostar por un rural vivo, que ten moitas dificultades de mobilidade e de transporte entre os barrios e entre Santiago e os concellos dos arredores a nivel comarcal”, indicou. Outro reto é “conseguir que o rural sexa a horta de Santiago”, se se potencia o mercado de proximidade ademais de impulsar as explotacións agrarias e que iso axude a fixar poboación. Para iso, considerouse necesario eliminar os problemas na tramitación de licenzas administrativas para facilitar instalarse no rural.

Tamén houbo boa aceptación á proposta do BNG para crear unha planta de compostaxe, instouse “a que se fagan os estudos pertinentes para que Santiago de Compostela poida estar na vangarda de compostaxe, para poder falar de sustentabilidade real, para falar de quilómetro cero e non transportar os residuos, ademais de xerar emprego local”.

Tratouse a recuperación do Consorcio como ferramenta de rehabilitación e de conservación do patrimonio, “polo que é necesario facer un chamamento ás administracións para que se impliquen con recursos económicos e non todo sexa pura propaganda”, para alén de facer un plan de dinamización de vivenda baleira, impulso da vivenda de protección pública e no centro histórico, xunto coa vivenda que pertence á Igrexa, coa que hai que chegar a acordos e convenios para que ese patrimonio e vivendas estean abertos. Aceptouse tamén a proposta dun viveiro de empresas nos baixos en desuso da Cidade histórica para poñer a disposición de profesionais e de comercios non turísticos, unha iniciativa que o BNG leva anos a defender.

Tratáronse tamén temas de accesibilidade e dun urbanismo feminista, pensado para poder andar a pé, con aparcadoiros alternativos, con campañas de concienciación previa sobre a peonalización, con políticas adecuadas e dimensionadas para o tamaño de Compostela para avanzar na redución de tráfico

No ámbito educativo, viuse como importante actualizar o mapa escolar, planificar a mobilidade e o tráfico con zonas de seguranza nas áreas educativas e, sobre todo, houbo unanimidade en ir cara a un novo modelo de comedores escolares con produtos de proximidade saudábeis, con cociña nos propios centros. “Ben sabemos que o grupo de Goberno e concelleiro de Educación, que estaba presente, non dixo nada e entendemos que asume o que alí se acordou, todo isto acompañado de políticas de conciliación”, advertiu.

Cultura, turismo, políticas sociais e participación

A nivel cultural, fai falta unha dotación de infraestruturas como apostar polo Conservatorio de Danza de Santiago de Compostela, crear o espazo escenográfico de Monicreques de Kukas cunha proposta didáctica e dar os pasos necesarios para crear un Centro Nacional de Fotografía.

“É necesario un cambio de modelo turístico de máis calidade, asentado na recuperación do patrimonio descoñecido nos barrios, así como incidir nun turismo verde, gastronómico, cultural fronte ao turismo de paso de dar unhas voltas arredor da Catedral e marchar”, explicou.

En canto ás políticas sociais, as mudanzas propostas son para fomentar políticas activas que aproveiten a interxeracionalidade e o coñecemento das persoas maiores. Incidiuse en que non debe haber discriminación dixital e en que hai que garantir os dereitos das persoas maiores.

Así, exemplificou que do documento da Axenda Urbana 2030 saen como elementos para a participación e o sustento dos cambios para o futuro os consellos de participación, “mais o grupo de Goberno non cre nestes instrumentos a pesar das reiteradas peticións de que se convocasen por parte de distintos colectivos”. Onte convocouse o Consello Municipal de Saúde, cando o último foi en outubro de 2020. Así, convidou a poboación a facer propostas a través da web da Axenda Urbana 2030.

Pesar polo falecemento de Antía Cal

Goretti Sanmartín aproveitou a rolda de prensa para trasladar unha aperta a familiares e amizades de Antía Cal, polo seu falecemento, a quen definiu como “unha pedagoga referente con ideas revolucionarias para o sistema educativo en Galiza”. “Toda Galiza está hoxe un pouco máis orfa e o sistema educativo de maneira especial”, engadiu.

O BNG realizou unha listaxe de achegas á Axenda 2030 que foron incorporadas para o desenvolvemento sustentábel de Santiago