URBANISMO
O BNG considera que non se pode perder máis tempo para chegar a un acordo sobre a parcela de Peleteiro
Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, participou na comisión mixta para o desenvolvemento urbanístico da parcela do antigo colexio Peleteiro e reiterou o chamamento á responsabilidade para achegar posicións dos grupos de PSOE, PP e CA na vindeira xuntanza, cos novos informes técnicos, que permitan sacar adiante o proxecto previsto para a parcela do antigo Peleteiro. “Trátase de axilizar a tramitación para ese desenvolvemento urbanístico do Ensanche que abre posibilidades de ofrecer dotacións sociais, comerciais e de lecer para a veciñanza, como demanda o asociacionismo neste tempo de crise económica”, explicou.
“Non pode ser que os tres meses en que se comprometera Bugallo a sacar adiante este proxecto pasen a ser tres anos”, engadiu. “Non se entende que non resolvese no primeiro ano de mandato este proxecto, que precisa informes e reunións, para agora facelo de xeito acelerado”, advertiu.
“De non chegar axiña a un consenso político, pódese perder a ocasión de dispor de novas instalacións públicas na parcela do antigo colexio Peleteiro”, advertiu, “co que hai que ter altura de miras, deixar os intereses partidistas e traballar para facilitar esta actuación, que xa leva moitos anos de atrasos pola falta de entendemento do Goberno local cos grupos políticos e a falta de transparencia e de información”. “Desde o BNG apelamos á responsabilidade co abandono do enfrontamento da contenda electoral”, indicou.
Lembrou tamén que o BNG sempre foi responsábel para impulsar este proxecto, fóra de intereses partidistas, de aí que no mandato anterior votou a favor de iniciar este proceso que non se puido emprender pola negativa do PP e do PSOE a favorecer ese desenvolvemento.
Así, instou a tratar de conseguir un consenso maioritario entre os grupos políticos, o sector comercial e a veciñanza da zona para introducir as melloras necesarias a un proxecto co obxectivo de que saia adiante e de evitar que o solar siga co deterioro dos últimos anos.