PLENO
O BNG reclama adoptar medidas para frear as verteduras na carballeira de Conxo
Traslada unha iniciativa ao Pleno para evitar esta fonte de contaminación que causa un regueiro de augas residuais e fortes cheiros
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2022.- O BNG reclamará no Pleno que o Goberno local investigue e controle unha foxa séptica que provoca verteduras á carballeira de Conxo, un espazo emblemático que sofre continuos regueiros contaminantes e malos olores.
Na zona do Carballo de Conxo, perto do hospital e da base do 061, hai unha foxa séptica en condicións de insalubridade que, ás veces, reborda e deita un regueiro de lamas de augas residuais que vai embocar ao regato, provocando contaminación e fortes cheiros neste emprazamento.
Para o BNG, o Concello de Santiago debe investigar a orixe destas verteduras e proceder a adoptar medidas para frear esta contaminación, co obxectivo de manter en bo estado este espazo da carballeira.