ILUMINACIÓN
O BNG reclama que se repoña a iluminación pública en Conxo
Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022.- O grupo municipal do BNG recibiu queixas da falta de iluminación no camiño entre a Ponte da Rocha Nova e a Poza Real de Abaixo, en Conxo, unha zona moi transitada que non dispón de visibilidade suficiente ao anoitecer.
Así, o BNG reclama que se recuperen os puntos de iluminación nesta parroquia, posto que a ausencia destes focos está a causar problemas de visibilidade e inseguranza viaria para as persoas que realizan este percorrido.
A iluminación da rede viaria, sobre todo en zonas onde se circula a pé e en bicicleta, é fundamental para facilitar os desprazamentos con seguranza e sen discriminacións de xénero, xa que as mulleres adoitan ser as prexudicadas por teren que cambiar os hábitos de mobilidade cando advirten perigo ao anoitecer se a ruta pola que deben ir non ten visibilidade.
O BNG estima que o Goberno local debe adoptar un maior control do servizo de iluminación pública, que non se está a ofrecer nas condicións debidas, xa que desde hai meses non funciona neste emprazamento.