POLÍTICA SOCIAL
O BNG convoca un acto público en Santiago para presentar a proposta de Lei galega de residencias
Galiza ten a porcentaxe de prazas públicas máis baixa de todo o Estado, pese ao elevado nivel de envellecemento, cun 25% da poboación por riba dos 65 anos
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022.- O BNG organiza un acto aberto para presentar a proposta de Lei galega de residencias, que aposta por un modelo de residencias públicas que garanta o dereito a unha vellez digna. No acto, que será o mércores ás 19:30 no centro sociocultural das Fontiñas, intervirán Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, Olalla Rodil, viceportavoz do BNG no Parlamento; e Iria Carreira, deputada no Parlamento.
Logo do acontecido na pandemia da covid-19, é unha obriga ética tomar nota porque non se pode seguir cun modelo privatizado en mans de multinacionais ou de entidades relixiosas. Cómpre lembrar que Galiza ten a porcentaxe de prazas públicas máis baixa de todo o Estado, pese ao elevado nivel de envellecemento, cun 25% da poboación por riba dos 65 anos.
A proposición de lei que presentou o BNG no Parlamento ten como obxectivo fundamental garantir o dereito a unha vellez digna e iso require planificar un sistema público de residencias, tanto na titularidade como na xestión, así como humanizar os coidados con centros de menor tamaño en que se prime o benestar das persoas maiores, aumentar os rateos de persoal por categorías e cunha xestión transparente para dispoñer da información sobre o funcionamento, servizos, axudas, inspeccións e sancións de cada residencia.
Para o BNG tamén é importante que estas residencias estean integradas nos núcleos urbanos ou rurais, non en lugares illados, en zonas libres de ruídos, de agresións ambientais e próximas a espazos que faciliten o lecer, como parques ou zonas verdes, co fin de gañar calidade de vida.