PLENO
Aprobadas as iniciativas do BNG para realizar un plan de dinamización de compras na praza de abastos e para recuperar a xestión directa do recinto feiral de Amio
Goretti Sanmartín destacou o “modelo acomplexado do PSOE, con abstencións sensíbeis a algunhas propostas do PP e abstencións insensíbeis ás do BNG”
Presentou unha interpelación para coñecer a estimación do que vai significar no plano económico para a veciñanza e empresas compostelás a adecuación á normativa sobre as zonas de baixas emisións
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022.- O grupo municipal do BNG conseguiu aprobar as proposicións para realizar un plan de dinamización de compras no mercado de abastos e medidas para dotar de alternativas de aparcamento, ademais da destinada a realizar os informes económicos e xurídicos necesarios para recuperar a xestión directa das instalacións do recinto feiral de Amio, tendo en conta o interese público desta operación que en novembro de 2022 conclúe o período de concesión outorgado por 25 anos.
Así, aprobouse que o Concello de Santiago realice un plan de dinamización de compras no mercado de abastos, con Bonos Corazón ou outras opcións de apoio, acompañado dunha campaña de difusión para que resulte atractivo facer a compra de produto fresco, saudábel e de proximidade. Aprobouse esta iniciativa do BNG sobre a praza de abastos cos votos a favor de BNG, PP e CA (coa abstención de CA no punto para estudar o proxecto do aparcadoiro soterrado en Belvís), o PSOE abstívose.
Cos acordos desta proposta, o Concello de Santiago tería que elaborar (se cumpre o mandado no Pleno) un estudo de prioridades de construción de novos aparcadoiros de xestión pública, entre eles o soterrado previsto no Plan especial para Belvís, para facilitar o estacionamento a persoas traballadoras e usuarias da praza de abastos. Ademais, o Concello dará cumprimento ao acordo plenario de xaneiro de 2020, referido á concesión do aparcamento da praza de Galiza en relación co estudo da asunción pública en beneficio do comercio de proximidade e do mercado de abastos, no marco dunha estratexia global para a mellora do aparcamento na cidade. Tamén estudará a posibilidade de dotar de prazas de aparcadoiro na rúa Virxe da Cerca en horario de apertura do mercado de abastos.
En canto á proposición para iniciar o procedemento destinado a recuperar a xestión directa da concesión do mercado de gando de Amio que caduca en 2022, que foi aprobada cos votos a favor de BNG e CA e mais as abstencións de PSOE e PP. Deste xeito, aprobouse que o Concello de Santiago realice un informe económico e xurídico do recinto feiral e o mercado de gando de Amio co obxectivo de estudar o procedemento para recuperar a súa xestión directa, tendo en conta o interese público desta operación que en novembro de 2022 conclúe o período de concesión outorgado por 25 anos.
En previsión de que se opte pola xestión directa, o Concello de Santiago estudará outros usos alternativos para potenciar o calendario de eventos deste recinto feiral, de acordo coas demandas do sector comercial e turístico para tirarlle maior rendemento a estas instalacións públicas.
Ademais, o Concello de Santiago creará unha comisión, con participación das organizacións agrarias, para impulsar as actividades do sector primario, evitar o peche de explotacións e favorecer a diversificación económica local cun mellor aproveitamento das instalacións do recinto feiral de Amio.
No caso do mercado de gando, o alcalde deixou entrever que o Goberno local non quere que continúe no recinto feiral de Amio.
Interpelación sobre a aplicación da normativa das zonas de baixas emisións
Ademais, o BNG presentou unha interpelación para dar a coñecer como se vai implantar a normativa sobre as zonas de baixas emisións recollidas na Lei 7/2021 de cambio climático e transición enerxética, no seu artigo 14, e do anteproxecto de lei de mobilidade sustentábel de que se derivan dúas alternativas para camiñar cara á redución das emisións de CO2, a prohibición da entrada e a circulación aos vehículos sen distintivo CERO, ECO ou C; ou o cobro por entrar, circular e estacionar en determinadas zonas.
Así, preguntou se o Goberno local ten prevista unha estimación do que vai significar no plano económico para a veciñanza e empresas compostelás a adecuación ao disposto nesta lexislación, ao implicar a compra de vehículos novos nun momento de crise como o actual. Se considera o Goberno local que o estabelecemento de Zonas de Baixas Emisións contidas na Lei 7/2021 de cambio climático e transición enerxética e no Anteproxecto de lei de mobilidade sustentábel se corresponden coa realidade galega e de Santiago de Compostela, en particular.
Preguntou tamén se ten previsto o Goberno local manter a idea inicial de restrinxir o tráfico na Cidade histórica aos vehículos que non dispoñan da etiqueta correspondente e/ou pagar peaxe por circular por ela. Pediu tamén información sobre o prazo do Plan de Mobilidade e os prazos e as previsións a medio prazo que manexa o Goberno local para estabelecer as Zonas de Baixas Emisións, ademais da previsión que fai o Goberno local da aplicación de todas as fases desta lexislación.