PLENO

Apróbase a iniciativa do BNG para mellorar a coordinación e difusión das actividades culturais en Santiago

Pazo de Raxoi
Pazo de Raxoi

Outra das mocións do BNG, aprobada por unanimidade, foi para que se  habiliten paneis de comunicación social en emprazamentos visíbeis e transitados

Apróbase a iniciativa do BNG para mellorar a coordinación e difusión das actividades culturais en Santiago

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno de marzo catro mocións, relativas á promoción e coordinación das actividades socioculturais, ás medidas para reducir a inflación, ás necesidades de instalar paneis de comunicación social e ao conflito de Marrocos no Sáhara.

Así, aprobouse a moción para mellorar a difusión das actividades dos centros socioculturais e para descentralizar a oferta cultural en sinerxía co pequeno comercio. Na proposta de acordo figura que o Concello de Santiago, a través da empresa concesionaria das actividades dos centros socioculturais, realice unha maior difusión en distintos soportes das actividades programadas. Esta moción foi aprobada cos votos a favor de BNG, PP e CA; o PSOE abstense.

Ademais, ao fío desta moción acordouse que o Concello de Santiago planifique actividades arredor dos eventos culturais que teñan lugar no seu termo municipal, ofrecendo mesmo esta posibilidade a outras administracións que oferten programación cultural na nosa cidade. Tamén que se descentralice os actos culturais aos distintos barrios para favorecer a participación veciñal independentemente do lugar de residencia e dos recursos económicos, cos obxectivos de incrementar a cohesión social e a igualdade de oportunidades, ao tempo que se procuran sinerxías para a dinamización do pequeno comercio compostelán. Pularase pola coordinación de axendas de actividades das diferentes administracións e entidades privadas que conflúen na oferta cultural.

Moción con medidas para evitar a inflación

O BNG defendeu unha batería de medidas relativas ás actuacións que deben impulsar os gobernos galego e español para mitigar o impacto do medre disparado da inflación na sociedade e economía galegas. Entre elas, está demandar do Goberno central a intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, recortar os beneficios das eléctricas, impulsar unha tarifa eléctrica galega, medidas urxentes para a contención da crise da industria electrointensiva a través dunha tarifa estábel que garanta prezos máximos a medio prazo e a prohibición os cortes das subministracións básicas de forma permanente. Reclamouse tamén demandar do Goberno central a baixada selectiva do IVE dos alimentos básicos, os produtos do mar, de hixiene persoal e feminina, o transporte público, a electricidade e o gas. Aprobouse esta moción do BNG coas propostas destinadas a reducir a inflación, cos votos a favor de BNG e CA e mais as abstencións de PP e do PSOE.

Outra das mocións do BNG, aprobada por unanimidade, foi para que se  habiliten paneis de comunicación social en emprazamentos visíbeis e transitados, tanto nos barrios como no centro da cidade, unha proposta que a formación nacionalista xa trasladou en diversas ocasións ao Pleno e ás negociacións dos Orzamentos. A normativa estabelece que estes paneis deben situarse, ademais de nos peches das obras, en soportes instalados polo Concello en emprazamentos visíbeis e transitados, para garantir a súa función. Tamén o Regulamento municipal de participación cidadá recoñece a finalidade destes taboleiros. Así mesmo, o seu tamaño debe ser o suficientemente amplo para a demanda existente nunha cidade coas características de Santiago de Compostela.

Aprobouse tamén, cos votos a favor de BNG e CA e coas abstencións de PP e PSOE, a moción para trasladarlle ao Goberno español o rexeitamento ao acordo con Marrocos que somete o pobo saharauí, logo de anos de ocupación ilegal do territorio do Sáhara Occidental e de vulneración dos dereitos humanos, co obxectivo de retornar á posición de buscar unha solución que garanta o respecto do dereito internacional e as resolucións para o recoñecemento do dereito de autodeterminación do pobo saharauí.

A información sobre proposicións, rogos e preguntas que levou o BNG a este Pleno pode consultarse na web http://santiago.bng.gal

Apróbase a iniciativa do BNG para mellorar a coordinación e difusión das actividades culturais en Santiago