URBANISMO

Goretti Sanmartín solicita unha terceira vía para desbloquear o asunto Peleteiro

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Xulga que nestes momentos non existe o consenso necesario para que haxa unha aprobación plenaria
Goretti Sanmartín solicita unha terceira vía para desbloquear o asunto Peleteiro

A portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego, despois da reunión mantida onte coa veciñanza afectada polo desenvolvemento urbanístico da parcela do antigo colexio Peleteiro, trasladoulle hoxe ao alcalde a proposta da necesidade de buscar unha alternativa de maior consenso para desbloquear a situación creada nestes momentos. É evidente que melloraría calquera das alternativas que están enriba da mesa a posibilidade de conseguir que haxa unha abertura importante cara ás dúas rúas que contornan a praza tanto República Arxentina como San Pedro de Mezonzo.

Nesta liña, e para impedir os prexuízos que o  escurecemento poida causar, tal e como se comprometera na xuntanza de onte Goretti Sanmartín pediulle ao alcalde que lle encargase ao persoal técnico municipal unha proposta que poida incluír as peticións da veciñanza afectada, fundamentalmente no que respecta a reducir ou eliminar o ensombrecemento das casas e a dar solución axeitada a todas as medianeiras ao tempo que mantén a aposta polo sol na praza e a dinamización comercial necesaria para revitalizar o Ensanche.

“Entendemos que esta proposta e posíbel e facilitaría levar este asunto ao pleno porque nestes momentos non existe o consenso necesario para facelo” argumentou a portavoz. Esta proposta podería desbloquear a situación actual que xera unha importante controversia na cidade.

O Bloque Nacionalista Galego reitera, máis unha vez, que a prioridade debe ser continuar co proxecto de desenvolvemento urbanístico dunha peza fundamental do Ensanche que se ten que dotar dun equipamento socio-comunitario, dunha praza pública e de prazas de aparcamento que sirvan para dinamizar comercialmente a zona.


 

Despois de tres anos sen que o goberno local fose capaz de solucionar esta cuestión paga a pena parar unhas semanas e conseguir unha alternativa que satisfaga de maneira maioritaria a veciñanza e que sexa de interese público xeral para Compostela.

Goretti Sanmartín solicita unha terceira vía para desbloquear o asunto Peleteiro