PLENO

O BNG propón que se habilite o canellón da contorna da Colexiata de Sar para aparcamento nocturno a residentes

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

O lóxico é facilitar que, por cuestións laborais e de lecer, as persoas residentes poidan aparcar os seus coches ás 10 da noite e os retiren antes das 8 da mañá nunha zona próxima ás súas vivendas

O BNG propón que se habilite o canellón da contorna da Colexiata de Sar para aparcamento nocturno a residentes

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022.- O grupo municipal do BNG solicitará no Pleno que o canellón que dá acceso á nova zona de aparcadoiro construída para a contorna da Colexiata de Sar poida ter un espazo para residentes en horario de 10 da noite a 8 da mañá.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, “é necesaria esa zona por cuestións relativas á seguranza e iluminación, con posibilidade para persoas residentes de deixar o seu coche máis próximo ás vivendas en horario nocturno”. “Trátase dunha reclamación que recollemos da veciñanza e entendemos que é factíbel porque se ben de día ese canellón debe ser de dobre dirección e, por tanto que non aparquen coches, en horario nocturno entendemos que con cada tres coches estacionados deixar un espazo libre por se se cruzan dous coches é máis que suficiente”, engadiu.

O lóxico é facilitar que, por cuestións laborais e de lecer, as persoas residentes poidan aparcar os seus coches ás 10 da noite e os retiren antes das 8 da mañá nunha zona próxima ás súas vivendas. Esta medida non causa ningún prexuízo e compatibiliza co aparcadoiro destinado para que as casas da contorna da Colexiata de Sar poidan ter un espazo para aparcar fóra, “un espazo que entendemos que debe estar libre de coches e, nese sentido, parabenizámonos”.

“Hoxe, día en que comeza a nova etapa, queremos felicitarnos colectivamente por poder retirar os coches da contorna da Colexiata mais pedimos que as persoas residentes poidan ter máis facilidades para deixar o coche de maneira fundamental en horario nocturno”, explicou Goretti Sanmartín.


 


 

O BNG propón que se habilite o canellón da contorna da Colexiata de Sar para aparcamento nocturno a residentes