PLENO

O BNG traslada ao Pleno as demandas da asociación Porta Norte Compostela para dinamizar comercio e hostalaría de proximidade

Reunión do BNG coa asociación Porta Norte Compostela
Reunión do BNG coa asociación Porta Norte Compostela
Goretti Sanmartín mantivo un encontro coa directiva deste novo colectivo que integra comerciantes e hostalaría da Cidade histórica
O BNG traslada ao Pleno as demandas da asociación Porta Norte Compostela para dinamizar comercio e hostalaría de proximidade

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2022.- O grupo municipal do BNG de Santiago mantivo unha reunión coa nova asociación Porta Norte Compostela, que agrupa o comercio e a hostalaría da zona da Acibechería, Tránsito da Quintana, praza da Inmaculada, Vía Sacra e praza de Cervantes.

“Trasladáronnos os problemas e dificultades dos alugueiros desta área, que cada vez ten menos persoas de Compostela que se achegan a pasear por estas rúas, e pola falta de actividades de dinamización para que esta zona sexa máis atractiva”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal logo do encontro con representantes desta asociación. “É unha mágoa que xusto na contorna da Catedral os comercios e a hostalaría teñan dificultades”, engadiu, e apelou á responsabilidade da Administración municipal para intentar conseguir a dinamización nesa área.

Así, comprometeuse a que o BNG presente unha iniciativa no Pleno de abril para solicitar que haxa actividades específicas na praza da Inmaculada “que poñan en valor o noso patrimonio co fin de recuperar e de atraer a xente de Compostela e tamén a que nos visita, para que acuda a actividades culturais nestes emprazamentos”.

“Para alén destas cuestións, dentro da iniciativa e das cuestións que nos trasladaron desde esta nova asociación, tamén imos incluír que cando se realicen as reparacións das lousas se busquen aqueles momentos que menos poidan afectar o comercio e hostalaría da zona, para que se fagan nas horas de menor afluencia de público”, indicou. Outra das demandas é que se estabeleza unha canle de diálogo directa de coordinación cando se pechan estas rúas por mor de visitas institucionais de relevancia, con flexibilidade e axilidade para que se poida abrir de inmediato en canto sexa factíbel co fin de non perder clientela nos días de maior afluencia de visitas.

“Son propostas coas que concordamos no BNG e somos conscientes de que a aparición de novas asociacións de comerciantes e de hostalaría é froito da existencia de numerosos problemas e de que os estabelecementos de proximidade necesitan apoio por parte do conxunto de veciñanza da comarca de Compostela, da xente que nos visita e tamén por parte da Administración municipal para seguir mantendo a vitalidade e eses servizos, así como as características peculiares e específicas de Santiago de Compostela e que a Cidade histórica sexa, como vimos demandando unha e outra vez, unha cidade viva”, indicou Goretti Sanmartín.


 


 


 

O BNG traslada ao Pleno as demandas da asociación Porta Norte Compostela para dinamizar comercio e hostalaría de proximidade