ASOCIACIÓNS

Goretti Sanmartín reúnese coa directiva de Hostalaria.gal e coinciden na necesidade de conseguir un turismo sustentábel

Reunión con Hostalaría.gal
Reunión con Hostalaría.gal

Trataron os problemas cos trámites para uso do espazo público e a necesidade de promoción de actividades que fomenten a dinamización comercial e hostaleira

Goretti Sanmartín reúnese coa directiva de Hostalaria.gal e coinciden na necesidade de conseguir un turismo sustentábel

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022.- O grupo municipal do BNG mantivo unha reunión con representantes da directiva de Hostalaria.gal, unha asociación de nova creación constituída como canle de comunicación e representación colectiva ante organismos e entidades. A portavoz municipal Goretti Sanmartín deulle a benvida a este colectivo, que se suma a outras asociacións de recente constitución en Santiago de Compostela.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, o BNG coincide coa directiva de Hostalaría.gal na necesidade de diversificar o turismo, na busca da sustentabilidade, e no fomento de servizos destinados á propia veciñanza de Santiago de Compostela, co fin de protexer e de fomentar o patrimonio destes estabelecementos na súa diversidade.

Comentaron tamén durante a reunión os problemas que lle afectan ao sector nestes momentos de grave crise económica e, no ámbito municipal, cos trámites para uso do espazo público e coa necesidade de promoción de actividades que fomenten a dinamización comercial e hostaleira.

Outro dos aspectos que trataron na xuntanza é a necesidade de buscar unha solución para a demora na tramitación de licenzas municipais, que supón un atranco á hora de emprender e modernizar os estabelecementos.

Ademais, esta asociación pretende promocionar a profesionalización e modernización do sector, co fomento da acción formativa e a dotación de ferramentas necesarias para a innovación.

Deste xeito, o BNG púxose ao dispor desta asociación, que será tamén interlocutora para o contraste e impulso de iniciativas relacionadas coa hostalaría e co turismo.

Goretti Sanmartín reúnese coa directiva de Hostalaria.gal e coinciden na necesidade de conseguir un turismo sustentábel