PLENO

O BNG reclama o arranxo do paso de peóns da rúa da Pastoriza e a terceira fase das obras dos Basquiños

Paso de peóns da rúa Pastoriza
Paso de peóns da rúa Pastoriza

Converteuse nun punto negro de seguranza viaria para as persoas que transitan por esta rúa tan frecuentada, pois xa se produciron numerosas caídas de maiores

O BNG reclama o arranxo do paso de peóns da rúa da Pastoriza e a terceira fase das obras dos Basquiños

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2022.- O grupo municipal do BNG demándalle ao Goberno local o arranxo do paso de peóns da rúa da Pastoriza e a realización da terceira fase das obras dos Basquiños até a praza da Paz, no barrio de San Caetano. Así, trasladará unha moción ao Pleno de abril para facer esas obras pendentes e incrementar a seguranza viaria.

O paso de peóns da rúa da Pastoriza, que ten un desnivel e diversos parches de chapapote superpostos en obras realizadas en tandas que provocan elevacións a distinta altura na superficie peonil como se pode apreciar polo seu desgaste, converteuse nun punto negro de seguranza viaria para as persoas que transitan por esta rúa tan frecuentada, pois xa se produciron numerosas caídas de persoas maiores.

A situación actual deste paso de peóns, ademais de supor un problema para quen ten problemas de mobilidade ao obrigar a sortear as zonas deterioradas polo potencial perigo de torcer un pé ou caer, non respecta as normas de accesibilidade que lles corresponden aos pasos de peóns.

Isto é a consecuencia da falta de realizar a intervención integrada na terceira fase do proxecto que está pendente das obras dos Basquiños, no tramo de San Caetano entre a praza da Paz e a rúa da Pastoriza, nacido ao abeiro do programa Urbana Santiago Norte.

Cómpre lembrar que a necesidade de impulsar esta actuación xa foi aprobada no Pleno de xullo de 2020, mediante unha moción do BNG, para realizar as xestións necesarias e incluír nos Orzamentos a consignación para as obras deste proxecto de reurbanización co obxectivo de conseguir unha contorna humanizada, con incremento da seguranza viaria e peonil, ademais da mellora estética e urbana para esta vía usada para o acceso e saída do centro da cidade, xunto coa renovación das redes de augas pluviais, de saneamento e de gas.

 

O BNG reclama o arranxo do paso de peóns da rúa da Pastoriza e a terceira fase das obras dos Basquiños