PLENO DEBATE ESTADO CONCELLO
Goretti Sanmartín, no avance do Debate do Estado do Concello: “O tempo de Bugallo xa pasou, chegou coa intención de ser un gran salvador pero demostra a incapacidade de xestión”
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, avanzou a intervención do Debate do Estado do Concello co balance da xestión do último ano e do tempo en que o PSOE leva á fronte deste Goberno municipal. “O tempo de Bugallo xa pasou, chegou coa intención de ser un gran salvador, pero demostra a incapacidade de xestión, soberbia, pasotismo e falta de diálogo”, afirmou.
O ano do desastre nas obras
Segundo o equipo de Goberno, “este foi o ano das obras”, e así enumerou os atrasos e problemas existentes. “Son as obras dos Concheiros, que foron adxudicadas en setembro de 2020 cunha previsión de remate en nove meses en xuño de 2021 e aí están, en espera, sen rematar con todas incidencias e desastres acumulados”. Na obra do Pombal, logo dun derrubo producido o 21 de novembro de 2019, tardaron dous anos para que fosen adxudicadas e están sen rematar. Nas obras do Hórreo, que foron adxudicadas o 3 de agosto de 2021, cun prazo de cinco meses que presumiron que ían ser menos, mais en 5 días houbo que facer un reaxuste do proxecto e hoxe xa está o lousado con roturas e sen rematar. Con respecto ás obras doutras administracións, sinalou que o Concello ten que colaborar nun proxecto da estación intermodal que filtra a choiva e que, ademais, “asume custes de limpeza, de seguranza e da filtración, aínda que parece evidente que debera ser quen a fixo”. Explicou tamén o relativo ás obras da Xunta no Camiño de Santiago, en que non houbo un seguimento por parte do Concello, “de tal maneira que cando rematan é cando se miran os problemas e así estiveron sen importarlle que había casas que se inundaban en Conxo ou que pode pasar cos atropelos no nó dos Concheiros coa avenida de Lugo”.
Problemas na contratación de servizos públicos
No relativo aos contratos, é semellante. Anunciouse un plan de contratación o 5 de xuño de 2020 e aí está o dos transportes cunhas deficiencias enormes no servizo de autobuses con problemas nos vehículos que seguen sen adaptarse ás persoas con discapacidade, con reparacións continuas, paradas onde non funcionan as pantallas e cun transporte que non chega nin está á altura do que precisa Santiago para darlles servizo aos barrios e ás parroquias. Citou os problemas de contratación das pistas de pádel, do servizo de limpeza das dependencias municipais e dos CEIP, do matadoiro ou dos centros socioculturais.
Terceira vía para Peleteiro, con amplas aperturas ás dúas rúas
“O señor Bugallo salvador, na súa soberbia, ía resolver en tres meses o tema da urbanización da parcela do Peleteiro e xa vai para tres anos”, advertiu. “O BNG leva defendendo que ten que haber unha terceira vía que, ademais de abrir a San Pedro de Mezonzo, consiga que a apertura a República Arxentina sexa maior, como xa lle trasladamos ao alcalde hai días e á propiedade na Comisión mixta de onte, que quedou de estudar para traer unha proposta en 15 días”, explicou. “Esperemos que esta proposta de terceira vía consiga evitar inflexibilidades e que sexamos capaces de avanzar para provocar os menores prexuízos posíbeis á veciñanza”, afirmou.
Falta de diálogo e de participación
Outro eixo da intervención irá sobre a falta de diálogo e de participación. Ademais de citar o acontecido coa parcela de Peleteiro, referiuse á da praza de abastos para dinamizar as compras e atender as demandas do colectivo de vendedores e vendedoras. “Dá a impresión de que lle sobra a praza de abastos e o mercado de gando de Amio, pois parece que non está no seu modelo”, sinalou.
Plataforma loxística de Mallou coa oposición da veciñanza e sen respectar o acordo plenario
Referiuse á decisión de instalar a plataforma loxística de Mallou nunha parcela municipal onde hai unha solicitude veciñal para que esa zona sexa dedicada a usos múltiples para a veciñanza, con instalacións deportivas, sociais e cun parque xerontoinfantil. Ademais dun rogo presentado no mandato anterior, hai unha moción do BNG aprobada en febreiro de 2021 apoiada por BNG, CA e o PP onde se di de buscar as fórmulas para a humanización desa parcela que reclama a veciñanza. “O PSOE abstívose nesa moción, como as máis de cen abstencións que leva neste mandato, cando a iniciativa foi aprobada pola maioría dos grupos da Corporación; mais logo decidiu instalar aí a Plataforma loxística de Mallou e facer todos os trámites necesarios sen falar coa veciñanza”, sinalou Goretti Sanmartín. “A veciñanza de Meixonfrío tivo reunións e decide por unanimidade que non quere alí a Plataforma loxístistica, polo ruído e contaminación que vai xerar este centro de transporte, cando propoñen que sexa unha zona de lecer e de esparexemento”, engadiu, independemente do criterio de que sexa necesaria ou non esta dotación para Santiago de Compostela. Lembrou tamén que o BNG demandou “que houbese un seguimento no Pleno das iniciativas aprobadas e, cando o alcalde se opuxo, era por cuestións coma estas, pois cando se aproban iniciativas pola maioría da Corporación logo non se executan e de maneira provocadora decide facer outra cousa nese lugar, coma neste caso”.
Comisión de Queixas e Suxestións
En canto á Comisión de Queixas e Suxestións, advertiu de que hai moitos servizos que non contestan nunca ou case nunca, pois hai máis do 50% das cuestións presentadas pola veciñanza sen atender, nin sequera cunha carta de cortesía. “Outro exemplo é a falta de convocatoria dos consellos de participación cidadá, como reclamamos máis de media ducia de veces ao Pleno, e dos que logo presumen cando fan a Axenda Urbana 2030 ou que só se convocan de maneira ritual para a súa constitución sen dotalos de contido, como o de Memoria histórica, Educación ou Relacións veciñais”, indicou.
O alcalde parece o protagonista do conto do emperador que vai espido
“Abonda de soberbia e de paternalismo, fai falta autocrítica e capacidade de diálogo, porque ás veces o alcalde e o grupo de Goberno lembran o conto do emperador que vai espido: unha persoa entronizada que pensa que todo pode mandar e decidir, que ten todo controlado e que todo vai ben, mais cando pasea pola rúa e o ve a veciñanza vai espido e a xente da súa corte e do seu Goberno non se atreve a dicirlle que vai espido”, indicou. “Este é o balance do grupo de Goberno e do alcalde, un emperador que vai espido ao quen hai un grupo de xente que non se atreve a dicirlle que vai espido e esperemos que nalgún momento acabe o silencio e alguén lle diga a verdade”, insistiu.