PLENO
O BNG apoia a veciñanza do Meixonfrío que rexeita a plataforma loxística na parcela onde ían ir instalacións deportivas e sociais
É necesario buscar outro emprazamento onde o ruído e o tránsito constante de vehículos desta plataforma causen o mínimo impacto
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladará ao Pleno unha pregunta sobre o proxecto da plataforma loxística de transporte de mercadorías de Mallou, tendo en conta que hai outro acordo previo da maioría da Corporación para a dotación de instalacións deportivas e sociais nesa parcela, como reclama a veciñanza. “Desde o BNG solidarizámonos coa veciñanza do Meixonfrío e participaremos na mobilización que convocan para este sábado ás 12:30 para expresar o seu rexeitamento a que se emprace nesta parcela a plataforma loxística”, sinalou.
No Pleno de febreiro de 2021 aprobouse unha iniciativa do BNG para a mellora dos espazos públicos e servizos básicos en Meixonfrío e para instar a Xunta de Galiza á humanización do Camiño de Santiago ao seu paso polos barrios de Meixonfrío, Mallou e Salgueiriños.
Nesa moción incluíuse a reclamación da veciñanza para que se realicen as xestións para o acondicionamento dunha parcela de titularidade municipal de 12.000 m2 para usos múltiples, coa dotación de instalacións deportivas e sociais, ademais dun parque xerontoinfantil, de xeito que sirva para maiores e crianzas.
A veciñanza de Meixonfrío trasladou a súa preocupación logo de coñecer a intención do Goberno local de instalar unha plataforma loxística nesa parcela, co envío en febreiro á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galiza da solicitude de inicio de procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do “Plan especial de infraestruturas e dotacións na parcela de equipamento IA-8” e ante o procedemento aberto para a expropiación de parcelas na zona.
Deste xeito, o BNG preguntaralle ao alcalde no Pleno que reunións houbo coa veciñanza a respecto de dialogar e negociar os usos desa parcela en que o Goberno local pretende instalar unha plataforma loxística de transporte de mercadorías, tendo en conta que hai outro acordo previo adoptado en Pleno que atende ás necesidades sociais desta parroquia.
Para o BNG, este xeito de proceder do alcalde, “que actúa de costas á veciñanza, demostra o seu talante de falta de diálogo e de crear problemas onde non os hai, posto que se pode chegar a un acordo para a localización desta plataforma loxística, que consideramos que pode instalarse noutras parcelas nas proximidades, de tal maneira que sexa o menos prexudicial e cause as mínimas molestias á veciñanza, xa que vai ser fonte de ruído e de tránsito constante de vehículos, o que pode alterar a tranquilidade e a mobilidade do sitio onde se emprace”.