O BNG e CA presentan unha moción conxunta para a revisión dos pregos dos contratos dos centros socioculturais
Trasladan o seu apoio ao persoal en folga ante a falta de garantías dos seus dereitos laborais
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022.- O BNG e CA presentarán unha moción conxunta no Pleno para instar a Xunta de Goberno, como órgano de contratación do Concello de Santiago, á revisión de oficio dos pregos dos centros socioculturais. Goretti Sanmartín e Navia Rivas solidarizáronse co persoal dos centros socioculturais en folga que se concentrou diante do Pazo de Raxoi para reclamar garantías dos seus dereitos laborais.
O pasado 25 de outubro a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do expediente denominado "Xestión da rede de centros socioculturais do Concello de Santiago de Compostela", por un importe de 2.600.210 euros. Este expediente está dividido en catro lotes: animación sociocultural, bibliotecas, atención ao público e novas tecnoloxías.
Logo de analizar estes documentos, os grupos municipais da oposición presentaron iniciativas nas sesións ordinarias do Pleno da Corporación, sendo un tema recorrente nos últimos cincos meses para que se corrixisen anomalías, incoherencias, incongruencias, imprecisións, erros e outros fallos que poden detectarse. De feito, o BNG xa presentou un recurso a estes pregos ante a Xunta de Goberno.
Segundo o persoal dos centros, estes contratos van incrementar a precariedade das condicións laborais e non garanten a totalidade da xornada de traballadores/as. Ademais, o lote de novas tecnoloxías quedou deserto e o persoal que ofrece ese servizo descoñece como vai ser o novo procedemento laboral.
O persoal da rede de centros manifestou tamén a súa preocupación polo inexistente diálogo co Goberno local, que se negou a ter en conta as súas valoracións e necesidades para prestar un mellor servizo público.