ORDENANZAS

O BNG reclama a modificación das ordenanzas fiscais “para aplicar política social, para que pague menos quen menos ten”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Demanda unha campaña informativa para que as vivendas sen servizos de abastecemento e de saneamento do rural poidan gozar desas exencións

O BNG reclama a modificación das ordenanzas fiscais “para aplicar política social, para que pague menos quen menos ten”

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, entregou a proposta do BNG á concelleira de Facenda para a modificación das ordenanzas fiscais destinadas a aplicar política social, “para que pague menos, quen menos ten”. Ademais de bonificacións e exencións para familias monoparentais, para persoas paradas de longa duración e autónomas, reclama a negociación coa Igrexa para cobrarlle o IBI polas propiedades non destinadas ao culto, educativas ou sanitario, que non dispoñen de exención.

O BNG xa avisara antes do verán de que era necesario que en setembro houbese unha proposta de ordenanzas fiscais e de Orzamentos e, sobre iso, a portavoz municipal nacionalista xa lle fixo chegar á concelleira de Facenda a proposta do BNG coas liñas xerais “para ver se as queren incluír e negociar, ademais de solicitar unha xunta de portavoces neste mes para poder cumprir os prazos”.

“Por regra xeral, no BNG entendemos que non debe haber subas nos tributos, de taxas e de prezos públicos; apostamos por que haxa unha conxelación e por aproveitar estas ordenanzas para facer política social”, explicou, “porque é a ferramenta máis importante que teñen os concellos para aplicar política social”. Lembrou que no caso de CA renunciou a exercer esa posibilidade, polo que é o momento de facer bonificacións e exencións para favorecer aquelas persoas e colectivos con dificultades económicas para chegar a final de mes e para camiñar cara a esa xustiza social que fai que pague menos quen menos ten.

Neste sentido, o BNG propón que se inclúan bonificacións e exencións para familias monoparentais, para persoas paradas de longa duración, para familias numerosas e para persoas autónomas, mulleres e menores de 35 anos, ademais de favorecer mediante campañas informativas para que as vivendas sen servizos de abastecemento e de saneamento do rural poidan gozar desas exencións no seu pagamento.

Reclamou tamén que se poña en funcionamento o sistema de pagamento de servizos á carta, algo fundamental para facer política social para que se poidan pagar os impostos fraccionados en até 12 meses decidindo de toda a cesta de impostos cando facer efectivo ese pago, como funciona en distintas cidades e en vilas.

Outra das propostas do BNG, que xa foi aprobada en xaneiro de 2017 por unanimidade e non se realizou, vai destinada a poñer en marcha o cobro ás empresas eléctricas polo uso do solo de dominio público, pola instalación de gasodutos e liñas de alta tensión. “Hai sentenzas do Tribunal Supremo que garanten que isto se pode facer, polo que hai que realizar os estudos correspondentes e modificar as ordenanzas nese sentido”, indicou Goretti Sanmartín.

O BNG defende tamén aplicar un recargo no IBI ás vivendas baleiras, co fin de mobilizar o alugueiro en Santiago de Compostela. Do mesmo xeito que é necesario negociar coa Igrexa para que pague o IBI; “son máis de 130 propiedades exentas que podería supor arredor de 700.000 euros que deixa o Concello de ingresar en cada anualidade por bens con usos diferentes ao culto, educativo ou sanitario”, tal como a xerarquía da Igrexa católica recoñece como necesario renunciar a ese privilexio.

“Con estas grandes liñas, o BNG propón que haxa unha transformación grande das ordenanzas fiscais que foron modificadas por última vez en 2016 cando se impuxo a baixada do IBI, mais as que están en vigor practicamente son as do PP aprobadas en 2014”, advertiu. Así, lanzou unha pregunta dirixida ao alcalde, “para saber se esta é a política que quere con estas ordenanzas en vigor e se vai seguir o modelo de CA de renunciar a usar esta ferramenta, que é a máis importante que teñen os concellos para facer política social, na política de ingresos mediante taxas, impostos e prezos públicos que cada ano o Concello pode estabelecer”.

Goretti Sanmartín considera necesario “que isto se aprobe no Pleno do mes de outubro para chegar a xaneiro de 2020 con novas ordenanzas fiscais para favorecer a política social”, afirmou.

O BNG reclama a modificación das ordenanzas fiscais “para aplicar política social, para que pague menos quen menos ten”