O BNG de Santiago reclama incorporar sistemas de protección para motoristas
Defenderá no Pleno unha batería de medidas requiridas polos clubs de motociclismo de Compostela para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2015.- O grupo municipal do BNG defenderá no Pleno unha iniciativa incorporar nos gardarraís o sistema de protección para motoristas (SPM) e outras medidas para contribuír a mellorar a seguridade viaria, como o uso de pintura antideslizante nos pavimentos, a creación de prazas de aparcadoiro para motos e a posta en marcha da posición avanzada nos semáforos, con prioridade das bicicletas e motos onde sexa posíbel.
Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, estas medidas favorecen unha maior seguridade e comodidade no uso da motocicleta no ámbito urbano e rural, tanto nos proxectos de nova construción como na mellora e conservación dos xa existentes. Dende os colectivos de motociclistas da comarca de Compostela reclaman, ademais, unha batería de medidas de escaso custe económico pero que resultan moi efectivas para diminuír os potenciais sinistros que se puideran ocasionar, indicou.
Así, requírese instalar sistemas de protección para motoristas (SPM) en todas as barreiras metálicas existentes nas vías titularidade do Concello de Santiago de Compostela. Os SPM instalados deben contar coa certificación de seguridade do máximo nivel, é dicir, clase 70, nivel I. Isto farase nos viarios en que o Concello de Santiago ten competencias e responsabilidades directas, tanto nos proxectos de nova construción como na mellora e conservación dos xa existentes de xeito progresivo, recolle o texto da iniciativa. Igualmente, faise preciso negociar coas outras administracións para que instalen os SPM en todo o concello.
Reclámase usar pintura antideslizante nos pavimentos para garantir a seguridade e substituír, progresivamente, toda a existente; arranxar de maneira inmediata as fochancas nas estradas e vixiar que non existan puntos negros de empozamento por pluviais nas estradas e, cando se detectaren, corrixilos con urxencia; prestar atención á aparición das perigosas manchas de aceite na estrada para poder eliminalas con urxencia; ademais de velar para que os tramos de estradas en que sexa depositada grava solta estean correctamente sinalizados e cunha anticipación suficiente para todo tipo de vehículo; e a instalación de bolardos de material flexíbel para evitar danos en caso de colisión ou caída.