PLENO
O BNG volve requirir que se fagan as xestións para repor os nomes dos Reis da Galiza no Panteón Real do Museo da Catedral
Na iniciativa aprobada por unanimidade en 2017 propoñíase tamén organizar visitas guiadas para a veciñanza ao Panteón Real e publicar un díptico
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021.- O BNG proporá no Pleno que o Goberno local realice as xestións necesarias para repor os nomes dos Reis da Galiza no Panteón Real na Catedral e garantir o uso do galego na sinalética da Catedral de Santiago, tal como se aprobara en setembro de 2017.
Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, destacou que a información que actualmente se dá nos paneis informativos do Museo da Catedral non se axusta á realidade. Infórmase de que nese Panteón están os sarcófagos dos “reis de León”, como os define a historiografía española, aínda que realmente se coroaron como “Reis da Galiza” segundo figura en documentación e mapas da época. Ademais ao rei Afonso VIII de Galiza e León numérano como “Alfonso IX” con intención de incluílo nunha ficticia nómina conxunta de Reis de Castela e León.
“Para o Bloque Nacionalista Galego, esta é unha mostra máis de como o Reino de Galiza desaparece da historiografía española por unha cuestión política, a través dunha ocultación deliberada, no empeño por eliminar a súa existencia da nosa memoria colectiva”, explicou Goretti Sanmartín.
"Por ese motivo, desde o BNG entendemos que todas as administracións públicas deben traballar e colaborar de cara a restituír a transcendencia deste Panteón Real e recuperar a dignidade deste símbolo nacional galego, onde están reis e outras persoas de importante relevancia política ás que se debe o esplendor patrimonial de Compostela”, destacou.
Na iniciativa aprobada por unanimidade en setembro de 2017 propoñíase tamén organizar visitas guiadas para o conxunto da veciñanza ao Panteón Real co obxectivo de explicar a súa importancia histórica, xunto coa elaboración dun díptico informativo do significado histórico do Panteón Real e que sexa posto a disposición das persoas que visitan a nosa cidade a través da Oficina Municipal de Turismo, o Centro Internacional de Acollida a Peregrinos/as e demais medios de difusión ao seu alcance.
En concreto, neste panteón atópanse soterrados os restos de Fernando II e Afonso VIII, que ostentaron o título de “Reis de Galiza e León” entre 1157 e 1230; Raimundo de Borgoña (finado en 1107), casado con Dona Urraca, conde de Galiza e pai de Alfonso Raimúndez, que foi coroado por Xelmírez como Rei de Galiza na Catedral de Santiago, tal e como describe a Historia Compostelá; Berenguela de Barcelona (finada en 1149), Xoana de Castro (finada en 1374), irmá de Inés de Castro e esposa de Pedro I e Pedro Froilaz, conde de Traba (finado en 1926).