INTERMODAL
Compostela Aberta acepta submisa que teñamos dúas estacións unidas por pasarela, non unha intermodal
“Resulta curiosa a sintonía de Compostela Aberta e o PP para se congratular do resultado dunha reunión"
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, ao abeiro da reunión en Madrid sobre o futuro da estación intermodal de Santiago de Compostela, sinalou que é “o enésimo episodio dunha negociación de Compostela Aberta que se vai concretar nun proxecto que non está á altura do que precisa, demanda e merece esta cidade”.
“Resulta curiosa a sintonía de Compostela Aberta e o PP para se congratular do resultado dunha reunión que, como en Madrid deberon caer da burra e darse de conta de que nesta cidade chove, a pasarela que vai unir a estación de autobuses e a vella estación de tren en vez de ser ao aire libre será cuberta; esa é a gran novidade da reunión”, afirmou Rubén Cela.
Ese proxecto non é polo que tantos anos loitou esta cidade, dixo, porque será unha nova estación de autobuses conectada por unha pasarela cuberta coa vella estación de tren, co hall ampliado, cun ascensor para salvar as escaleiras e os andéns adaptados á alta velocidade. “Non é un proxecto unitario de estación intermodal”, afirmou.
Triplo agravio para Compostela
“Compostela Aberta e o Partido Popular rubricaron un triplo agravio para Santiago de Compostela”, sinalou.
Referiuse ao agravio económico, porque non se pode escatimar cando o proxecto se calcula sobre 57 millóns de euros, e o que se gastou en Vigo finalmente foron 126 millóns de euros sobre os 93 proxectados inicialmente e no caso de Ourense están orzados 100 millóns de euros, o dobre do previsto para Santiago.
O segundo agravio é que Santiago é a única cidade galega na que o Concello vai ter que achegar unha contía económica para a estación intermodal, o 30% do custe da pasarela, cando ningunha outra cidade galega tivo que pór un euro do orzamento local.
O terceiro agravio é o da condición de conseguir 3,5 millóns de pasaxeiros/as. “Paréceme inconcibíbel que isto non estivese sobre a mesa na reunión con Fomento e que o Goberno municipal non se plantase con esa petición que non se lle fixo a ningunha outra cidade galega, porque se tardarán moitísimos anos en conseguir esa cifra de pasaxeiros/as”, subliñou. Lembrou tamén que 2016 pechou con 2,5 millóns de pasaxeiros/as e con menos de 600.000 pasaxeiros/as a Madrid dende o aeroporto de Lavacolla e, aínda que se reducirse o 50% da pasaxe a Madrid en avión, “se tardarán moitos anos en tardar esa cifra, polo que Compostela Aberta acepta submisamente que non teñamos estación intermodal”.