Goretti Sanmartín: “O alcalde opta por un modelo de residuos cativo, ruín e incapaz de cumprir a normativa ambiental”

ACTO_RESIDUOS
ACTO_RESIDUOS
Sobre os novos cobros do recibo do lixo, cuestiona o afán recadatorio cando non se ofrecen os servizos básicos no rural
Goretti Sanmartín: “O alcalde opta por un modelo de residuos cativo, ruín e incapaz de cumprir a normativa ambiental”

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, respondeulle ao alcalde que no modelo de recollida e tratamento de residuos “a posición do grupo socialista foi sempre a que ditaba o PP”.

Lembrou que Bugallo pactou co PP a entrada de Santiago de Compostela no modelo de Sogama cando o BNG puxera enriba da mesa a posibilidade de optar pola planta de tratamento de Lousame, cun modelo diferente “e daquela, como fai agora, pacta co PP diversas cuestións baixo a ameaza de poder recibir ou non determinados tratamentos por parte do Goberno galego”.

Pasaron moitos anos desde aquela e hoxe, con nova normativa como a Lei 2/2011 ou coa Lei Galega de Residuos, o BNG considera que co novo prego do contrato “non se poden cumprir as normativas ambientais nin a porcentaxe de reciclaxe á que temos que chegar”.

“Por iso, en paralelo con Sogama, moitos concellos do noso país apostan por compostar e por reciclar e non só no rural, tamén no centro urbano, como única maneira de reducir a fracción que se lle envía a Sogama”, explicou. “Esa é unha das apostas fundamentais fronte ao modelo cativo, ruín e incapaz de cumprir a normativa ambiental escollido polo Goberno local”, destacou .

Así, anunciou que o BNG organizará un acto para explicar o Plan Revitaliza, ao que están adscritos 47 concellos da provincia de Pontevedra, e a alternativa do movemento ecoloxista. Será este xoves 6 de outubro ás 19:00 na biblioteca Ánxel Casal con presenza de César Mosquera, Manuel Soto, Goretti Sanmartín e Navia Rivas para explicar o modelo do BNG sobre a recollida e tratamento de lixo.

Novos cobros do recibo do lixo

Ante as numerosas queixas da veciñanza do rural que está a recibir un correo certificado comunicando que teñen que pagar unha taxa polo servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, Goretti Sanmartín manifestou que “o Goberno local, igual que destaca polo seu afán recadatorio, debe destacar por ofrecer servizos básicos de calidade”

Referiuse así ao anuncio do Goberno local de que van dar de alta de oficio unhas 6.000 vivendas que non pagan pola recollida de lixo e polo que o Concello estima recadar uns 300.000 euros.

“Sen estarmos en desacordo de que hai que pagar polos servizos prestados efectuados, o que non pode ser é que non estean á altura do ano 2021 nin se correspondan co que pon a empresa concesionaria e que figuraban no prego”, sinalou Goretti Sanmartín en referencia que non se está a cumprir a frecuencia de lavado de contedores, a instalación de contedores suficientes “nin tan sequera que se pase a recoller o lixo en días alternos, porque hai cantidade de lugares onde pasan semanas en que non se recolle”.

Por tanto, defendeu que o primeiro que ten que facer o Goberno local é que o servizo sexa de calidade e, por outro lado, conseguir que haxa información e transparencia.

Reclamou tamén que se realicen de oficio as bonificacións ás persoas, do 40% ás vivendas onde se recolle en días alternos, que queden exentas as que teñan o contedor a máis de 200 metros de radio e as de compostaxe. Sinalou tamén que hai vivendas que carecen de servizos básicos como abastecemento e saneamento e non se lles aplican as bonificacións ás que teñen dereito segundo especifican as ordenanzas fiscais.

Existe unha discriminación con rural que continúa, manifestou, porque este Goberno local non está cumprindo co rural. Hai un Pacto polo Rural que significaba un compromiso de asignar unha cantidade orzamentaria de xeito paulatino para comprometerse con dotar de abastecemento e saneamento o rural de Compostela, moitas veces en clara discriminación e desvantaxe de servizos con respecto a concellos limítrofes veciños, e iso non se está facendo.

“No BNG esiximos que se cumpra ese compromiso nun concello en que os últimos orzamentos e remanentes millonarios de que dispón non lle dedica ao rural o que precisa”, destacou. “Ten que haber uns servizos á altura de 2021 para que veciñanza pague os recibos por uns servizos de calidade”, concluíu Goretti Sanmartín.

 

 

Goretti Sanmartín: “O alcalde opta por un modelo de residuos cativo, ruín e incapaz de cumprir a normativa ambiental”