Goretti Sanmartín anuncia o Pórtico de Belvís, unha praza cuberta accesíbel que conecta a cidade histórica co parque e con uso para asociacións
Insta o alcalde a revogar o acordo de cesión da Casa da Xuventude á Deputación, que conta con informes negativos de Patrimonio pola achega económica municipal e o excesivo tempo de duración de 25 anos do convenio
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023.- A candidata á Alcaldía de Santiago Goretti Sanmartín anunciou a proposta do BNG "Pórtico de Belvís" para a praza do Matadoiro, acompañada de Iago Lestegás e de Alexandre Garrido, integrantes da candidatura. “Esta proposta significa recuperar o paso a Belvís cunha praza aberta e cuberta ao parque, que sexa o pórtico ao espazo natural polo que discorre o regato do Cancelón”, indicou.
O Pórtico de Belvís é unha proposta de uso para mellorar a cidade “cunha afectación mínima e cunha intervención non agresiva para crear un espazo diáfano que consegue a unión, combinando a posibilidade de ter unha praza aberta ao parque de Belvís, con opción de usos para colectivos, que se complementa coa oferta dun local céntrico da cidade para que o asociacionismo compostelán teña unha alternativa global”, explicou.
“Recuperar a servidume na contorna do río é unha obriga da administración e esta alternativa do BNG favorece o tránsito desde a zona vella e Virxe da Cerca para entrar directamente ao parque e viceversa, de tal maneira que fai realidade unha petición histórica de ter un acceso peonil accesíbel cara ao mercado desde As Fontiñas, San Pedro ou mesmo San Lázaro, sen as dificultades de acceso polo Canellón da Tafona”, indicou, coa unión da cidade histórica con San Pedro e a vertebración de diferentes espazos da cidade.
Por outra parte, esta é unha proposta menos custosa e que traerá máis beneficios para Compostela, pois reúne “os intereses dos colectivos, da veciñanza, de accesibilidade, de cumprimento das normas ambientais, de integración paisaxística e coidado arquitectónico”.
Mellora ambiental, da accesibilidade e con espazos de calidade
Segundo explicou o candidato número 6 da listaxe do BNG ao Concello de Santiago, o arquitecto Iago Lestegás, esta proposta formúlase con cinco obxectivos: “mellorar a imaxe urbana da praza do Matadoiro e do parque de Belvís; crear unha conexión accesíbel para todas as persoas entre o parque e a súa contorna; liberar de obstáculos a zona de servidume do rego do Cancelón; restaurar este cauce recuperándoo para desfrute da cidadanía; e crear un espazo aberto cuberto de carácter permanente que poida albergar encontros e eventos cando chove ou vai moita calor”.
“A proposta é resultado dunha análise coidadosa dos condicionantes actuais da parcela e dunha aposta pola mellora ambiental, a accesibilidade universal e a creación de espazos cidadáns de calidade”, engadiu.
En concreto, proponse a eliminación do edificio da Casa da Xuventude e a súa substitución por un espazo aberto cuberto de calidade de algo máis de 600 metros cadrados de superficie, a modo de pórtico, que oculte as traseiras da rúa de San Pedro cunha parede que contén espazos para gardar material como mesas e cadeiras, e se abra á praza do Matadoiro, ao rego do Cancelón e ao parque de Belvís. Entre este pórtico e o rego quedará libre a zona de servidume deste cauce, de 5 metros de anchura, pola que se entrará ao parque ao longo dunha rampla accesíbel. Tamén se poderá acceder ao parque desde a praza a través do propio pórtico, que resolve a diferenza de cota cunha escaleira.
Concepto actual, positivo e beneficioso para os colectivos
Pola súa parte, Alexandre Garrido, como activista que fixo uso da Casa da Xuventude durante anos con distintos colectivos, considera que esta proposta do Pórtico de Belvís do BNG “garante o uso para asembleas e actos públicos, combinada coa procura dun local céntrico para o asociacionismo, ademais de permitir abrir Belvís e de mellorar a mobilidade e a accesibilidade”. “Trátase dunha solución cun concepto actual, positivo e beneficioso para os colectivos porque atende as necesidades de contar cun espazo cuberto e aberto ao mesmo tempo para a organización de actos públicos na entrada ao gran parque de Belvís”.
Revogar o acordo de cesión á Deputación
Na rolda de prensa, Goretti Sanmartín tamén trasladou a posición do BNG sobre a alternativa que o PSOE puxo enriba da mesa o pasado 24 de marzo e que pretende ceder por 25 anos a Casa da Xuventude á Deputación para que esta teña un edificio administrativo. Mentres tanto, o Concello ten locais alugados para as súas necesidades administrativas en vez de telos en propiedade. Neste sentido, pídelle ao goberno local “que dea marcha atrás e revogue o acordo da Xunta de Goberno de cesión da Casa da Xuventude á Deputación para un edificio administrativo da entidade provincial”.
“Se o Goberno local non dá marcha atrás, a Deputación tramitará de xeito ordinario este expediente, como se fai en todos os casos, mais o BNG de Compostela paralizará este acordo tras o 28 de maio e desenvolverá a proposta do Pórtico de Belvís”.
Goretti Sanmartín cuestionou que o PSOE leva os 4 anos deste mandato sen tomar ningunha decisión respecto do futuro da controvertida Casa da Xuventude. O único que fixo foi pechala aos colectivos que a utilizaban, con procedementos moi pouco éticos, e agardar a que se deteriorase. Desde o BNG sempre defendemos que se preservase a súa utilización por parte das asociacións que viñan facendo uso dela ou que se procurase outra alternativa céntrica e sen os problemas de horarios e de espazos que teñen os centros socioculturais. A Casa da Xuventude se por algo tiña que manterse era xustamente polo seu uso sociocultural.
“Mais a dous meses das eleccións municipais, nun momento en que o PSOE cae e vai á baixa por supor unha decepción política o mandato de Bugallo, este anuncia un proxecto que rehabilitaría a casa para ser unha oficina administrativa da Deputación”, indicou. O custo desta operación pasa dos dous millóns de euros, porque ao 1.346.000 euros, cofinanciados entre a Deputación e o Concello, sobre os que o propio Bugallo comentou publicamente que serían insuficientes, hai que sumar as obras de urbanización previas, viario e rede de servizos públicos, de que se encargaría o Concello.
Lembrou que o Concello de Santiago só delega na Deputación a recadación das multas en Executiva, un trámite minoritario e que esta oficina de recadación da Deputación a quen daría servizo sería aos concellos da contorna. “Non nos parece mal que en Santiago exista un edificio administrativo da Deputación e que esta institución rehabilite un local na cidade, mais entendemos que a Casa da Xuventude non é o espazo idóneo por múltiplas causas”, sinalou.
O resultado dese proxecto do PSOE atraería tráfico ao centro de Compostela, xustamente a un lugar en que hai que intervir para reducir a súa densidade de tráfico e onde non hai alternativas de aparcamento. Alén disto, esta proposta do PSOE faise “sen diálogo coa oposición, cos colectivos, coa veciñanza e cun completo escurantismo e opacidade, de tal maneira que de repente asistimos con abraio ao resultado dunha Xunta de Goberno local do pasado 27 de marzo que cede o uso deste inmóbel á Deputación por 25 anos”.
Informes negativos de Patrimonio
“O BNG non ve mal que a Deputación apoie proxectos en Compostela mais este non só non é un bo proxecto, é un pésimo proxecto para Santiago, un proxecto sobre o que ademais o propio goberno recibiu un informe de Patrimonio do Concello onde se di que a Deputación debería financiar o 100% da obra e que non está xustificada a cesión a 25 anos, un espazo temporal innecesario para amortizar a operación.
O BNG entende, por tanto, que non está xustificado nin como se realizou este proceso, facendo uso da prerrogativa de solicitalo a través da Xunta de Goberno e sen ter en conta a vontade do conxunto da Corporación, unha decisión eticamente discutíbel, nin cando se escolle realizalo, a menos de dous meses das eleccións, cun goberno “en minoría, que non dialoga, e esgotado”.
“Estamos, máis unha vez, ante unha actuación claramente antidemocrática de Bugallo que sabe ben que a maioría da Corporación non está de acordo con esta operación”, advertiu Goretti Sanmartín.