ACTO
Goretti Sanmartín comprométese a traballar por un concello referente “en políticas ambientais, feministas e de accesibilidade”
Arredor de 500 persoas asisten ao acto que marca o inicio do proxecto nacionalista para Santiago de Compostela que encabeza Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2018.- Goretti Sanmartín Rei, portavoz municipal e candidata do BNG á Alcaldía de Santiago de Compostela, avanzou durante un acto-cea con arredor de 500 persoas que traballará para conseguir un concello “para as persoas, ecolóxico e feminista; unha cidade segura para as mulleres e diversa nas formas de estar, de amar e de pensar”.
Acompañada de concelleiras e concelleiros que a precederon na Corporación municipal, presentouse como “unha feminista convencida de que este é o tempo das mulleres, que temos moito que dicir e facer”, sinalou. “Por iso o Bloque aposta polas mulleres, na portavocía, nos parlamentos, nas candidaturas, porque sabe que a diferenza entre a realidade e o soño está na acción”. Referiuse tamén á mocidade, que terá “unha presenza fundamental” na candidatura, “porque acreditamos na súa enerxía, no seu compromiso, na súa capacidade e na súa ilusión”.
En palabras de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, que gravou un vídeo para o evento por se atopar coa colectividade galega en Uruguai, Goretti Sanmartín é unha persoa “honesta, traballadora, con capacidade de xestión e de traballar en equipo”. Destacou que o BNG ten “un proxecto transformador para Compostela” e “sempre puxo por diante os intereses de Santiago”. Ademais, amosouse convencida de que será “o elemento central do vindeiro Goberno municipal porque ten experiencia, capacidade e persoas formadas para poder facelo”.
Representantes do ámbito da Universidade, do feminismo, do comercio, do tecido asociativo, veciñal, artístico, cultural, sindical e social, ademais de numerosas persoas simpatizantes e cargos institucionais do BNG arrouparon a presentación da candidata. Así, emprazou a acompañar o BNG “para facer realidade a construción dunha Compostela que sexa un referente nas políticas ambientais, feministas, de accesibilidade, que atenda o rural e os barrios, que controle as concesionarias, que planifique, que mellore na axilidade e facilite o noso día a día”.
Na intervención, desvelou en clave persoal a súa vinculación coa política e lembrou que cando chegou a Santiago de Compostela viña dun instituto “con moita efervescencia”, onde xa se conformara un bo grupo de persoas nacionalistas “fundamentalmente para defender o galego, a causa principal de entrada no nacionalismo naqueles momentos”.
Avanzou ademais liñas do programa para conseguir “que a cidade vella sexa un lugar para vivir e para traballar”. “Agora o borrador do Plan especial di que debe haber unha Concellaría da Cidade histórica, algo que o BNG xa practicou cando gobernou”, recordou, “porque queremos unha cidade vella do século XXI, con servizos, con ascensores, con centros de día, con fibra óptica, con axilización administrativa para licenzas, para reformas, con comodidades propias deste tempo; un lugar para vivir e para traballar”.
“Queremos unha Compostela con raíces na nosa identidade, nun rural que é parte substancial de Santiago, nuns barrios que teñen moito patrimonio que ofrecer, para que as persoas turistas sexan viaxeiras e saiban que existe mundo para alén da Catedral, Xoán XXIII, a rúa Nova e a rúa do Vilar; que existe o Castelo da Rocha, a Colexiata de Sar, o Pedroso e o comercio local”, destacou.
“Queremos un concello que non pode continuar vivir de costas á Universidade, un concello ateigado de música, de teatro, de danza, de arte”, engadiu.
Ademais, comprometeuse a recuperar o asociacionismo “como ese espazo de participación e democracia, as dos barrios, as do rural, ese rico tecido cultural que é o que mellor coñece o concello e os seus problemas”.