PLENO
Goretti Sanmartín: “O Concello ten que convocar liñas de axudas directas negociadas cos sectores hostaleiro, turístico e cultural”
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclamou que o Concello de Santiago comece a negociar os Orzamentos para incluír liñas de axudas directas negociadas cos sectores da hostalaría, turismo e cultura; ademais de duplicar os fondos para arranxar os centros de ensino nun plan cuadrienal e adaptalos ás necesidades de prevención da pandemia da covid-19.
Comezou a rolda de prensa co traslado da preocupación do BNG pola situación sanitaria co incremento de número de contaxios e “cun chamamento á responsabilidade individual e colectiva para baixar a curva e ser capaces de vencer esta segunda onda que causa problemas moi importantes en Santiago de Compostela”, un concello que ten “unha especificidade” cunha Universidade de 20.000 estudantes; que é capital do país e destino turístico; cun forte peso do funcionariado e do sector servizos, que ten ademais esas posibilidades de teletraballar; e cun importante sector cultural que se viu resentido en todo este período.
Por tanto, neste contexto particular, “esta especificidade de Santiago ten que traducirse non só en solidariedade cos sectores máis afectados, senón nun verdadeiro plan de rescate con axudas directas a fondo perdido por parte da Xunta de Galiza cun investimento relevante e negociado cos distintos sectores como o da hostalaría, turismo e cultura”. Destacou que o BNG xa incluíu iniciativas no Parlamento galego para conseguir que se articulen estas axudas directas “e o Concello tamén ten que mover ficha e ser consciente de que estamos nun momento especialmente particular para ofrecer estas axudas” que contribúan a reducir o problema económico, ademais do sanitario.
Negociación de Orzamentos para incluír liñas de axudas directas
Para 2021, alén de incrementar as bonificacións fiscais da recollida de lixo e uso da vía pública para a instalación de terrazas, o Concello ten que convocar esa liña de axudas directas con maior contía que as de 2020 e con negociación con estes sectores para que atenda as súas necesidades e propostas.
Neste sentido, aludiu á necesidade de axilizar os prazos para a negociación dos Orzamentos municipais “que debera ser a prioridade principal deste Goberno local para incluír axudas para os sectores máis afectados”, como son a hostalaría, o turismo e o sector cultural. “Facemos un chamamento ao Goberno, á Alcaldía, para que se poñan a negociar canto antes este Orzamento con prioridades claras enriba da mesa para levalo a Pleno e aprobalo no menor tempo posíbel porque, por moito compromiso e vontade que haxa, o problema é cando se van materializar esas axudas e van chegar tarde”, advertiu.
Duplicar fondos para o arranxo e adaptación dos centros de ensino
No ámbito educativo, destacou que este Orzamento ten que duplicar os fondos do Plan cuadrienal de mantemento e mellora dos centros de ensino. Segundo explicou, este plan foi aprobado en 2015 a iniciativa do BNG cando conseguiu duplicar a partida anual que se destinaba, e agora debe estabelecer prioridades cunha cantidade que non debe baixar dos 800.000 euros ao ano, cando nestes momentos está en 400.000 euros. Isto está xustificado “nas propostas de melloras das ANPA dos centros de ensino e da comunidade educativa que teñen que ver coa situación derivada da pandemia e doutras reivindicacións que xa son históricas”. Sinalou que son obras que están sen executar, como a reforma integral do Apóstolo Santiago que xa estaba comprometida, e outras que teñen que ver con pintado, arranxos e cambios de xanelas e de portas, que son obras de mantemento habituais. Mais hai outras que están relacionadas directamente coa falta de espazos cubertos de esparexemento e de localizacións “para que nenos e nenas teñan mellores condicións nas infraestruturas que quedan pequenas” como trasladan das ANPA do CEIP López Ferreiro, do Ramón Cabanillas e de Roxos. Propoñen as posibilidades de instalar carpas móbiles, de maneira provisional, para que nenos e nenas teñan espazos de lecer, ademais da reforma de baños que son moi antigos e quedan obsoletos.
Goretti Sanmartín anunciou que o BNG levará unha proposición ao próximo Pleno destinada a duplicar esa partida para arranxar os centros de ensino e á elaboración desa programación cuadrienal que ten que atender en primeiro momento as necesidades derivadas desta situación da pandemia que á comunidade educativa lle preocupa de maneira especial.
Irregularidades cos comedores escolares e incumprimento dos protocolos covid
Destacou tamén as irregularidades detectadas na prestación do servizo de comedores escolares por parte da empresa concesionaria, pola baixa cantidade e calidade das comidas, que mesmo chegaron a faltar uns 30 menús nunha xornada no CEIP das Fontiñas ou uns 10 menús no CEIP Ramón Cabanillas. Insistiu en que o Concello “debe garantir o acceso universal ao servizo de comedor escolar, independentemente de se pode ir todos os días ou días soltos, porque cada vez hai máis situacións de teletraballo e necesidades de conciliación”.
“Temos reiteradas queixas da comunidade educativa de que falta persoal no servizo de comedores e iso provoca que se incumpran os protocolos covid e, ao mesmo tempo, hai numerosas queixas da cantidade e da calidade da comida, cando é un tema recorrente nos cursos pasados”, explicou. Deste xeito, o BNG realizará tamén unha pregunta no Pleno para saber se o Goberno local ten coñecemento desas deficiencias, se tivo reunións coa empresa concesionaria e se ten previsto abrirlle un expediente; “é algo que é mellor solucionar desde o comezo de curso e non agardar a que se prolongue no tempo como aconteceu con anterioridade”, concluíu.