DEBATE DO ESTADO DO CONCELLO

Goretti Sanmartín, no Debate do Estado: “O alcalde goberna como se o Concello fose seu, sen contar coa veciñanza”

Portavoces municipais ao inicio do Debate do Estado do Concello
Portavoces municipais ao inicio do Debate do Estado do Concello
“O Goberno local ten un suspenso na xestión dos servizos públicos”, explica
Goretti Sanmartín, no Debate do Estado: “O alcalde goberna como se o Concello fose seu, sen contar coa veciñanza”

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, no Debate do Estado do Concello afirmou que “o alcalde goberna como se o Concello fose seu, sen contar coa veciñanza”. “Ten un xeito de facer onde parece que o Pazo de Raxoi é seu, señor alcalde, e que as cousas só se van facer como vostede diga, independentemente do que pense a maioría da Corporación ou a veciñanza”, engadiu.

“Nada é máis importante nestes momentos tan duros para Santiago que a procura de acordos e de negociación nas prioridades”, sinalou, e a iso súmase que “carecen dun modelo de cidade e de rural”. Destacou a falta de “transparencia e de diálogo” tanto coa veciñanza como cos grupos municipais e que “vendeu fume cando se comprometeu a realizar mudanzas estruturais para poñer a administración ao servizo da veciñanza”. “Os compromisos de Bugallo lévaos o vento”, afirmou.

Deste xeito cuestionou que gardase “silencio absoluto durante meses” en que desde o BNG se insistiu na necesidade de ter uns Orzamentos en tempo e forma para que non queden sen gastar 73 de cada 100 euros dos investimentos, como aconteceu en 2019, e para que non sexan “os orzamentos de sempre con dúas modificacións propagandísticas”. “Os orzamentos entrarán en vigor tarde e volverán ter moito máis de política de ficción que de realidade”, engadiu, ao tempo que cuestionou que non utilizase “os instrumentos de participación cidadá” na súa elaboración e a “división e falta de equipo” no grupo de Goberno municipal.

Deste período destacou a execución dun contrato de 1,5 millóns de euros para implantar a administración electrónica “que se converteu nun verdadeiro calvario con milleiros de incidencias nos últimos meses e cunha veciñanza que ten que acudir a xestorías para realizar os trámites administrativos; algo intolerábel”.

Referiuse ao “escapismo” diante de iniciativas plenarias aprobadas e non executadas. No grupo de Goberno abstivéronse nestes 20 meses de mandato en 74 ocasións, en 74 propostas de grupos da oposición, moitas delas transmisoras de demandas da veciñanza, destacou.

Demora na contratación dos servizos públicos

Outro dos puntos da intervención de Goretti Sanmartín foi enfocado á demora na contratación dos servizos públicos como o do transporte, recollida de residuos ou a escola infantil das Fontiñas, que están a causar moitos problemas na veciñanza e no propio persoal pola precariedade que xera esta situación.

A administración non pode ser un lastre, ten que ser unha panca de impulso e apoio á veciñanza que quere emprender e mellorar os seus negocios ou que precisa axudas para o seu mantemento a flote nestes momentos de crise económica derivada da pandemia da covid-19, explicou a portavoz do BNG. “Por iso propuxemos reforzar e formar o persoal dos departamentos municipais que están saturados para poder axilizar licenzas e trámites”, indicou.

No plano económico, destacou que desde que Bugallo chegou á Alcaldía hai 789 persoas máis no paro, as que hai que engadir as afectadas por ERTE, de baixa por enfermidade e as que non figuran porque non tiñan contrato e están en situación de vulnerabilidade económica ao non poder percibir prestación. Deu tamén o dato de que no Orzamento de 2020 diminuíron en 175.000 euros as políticas de fomento de emprego con respecto ao anterior.

Submisión do alcalde coa Xunta e co Estado

Fixo referencia “á submisión do alcalde coas súas administracións amigas: Xunta e Estado”, cando cumpría ser esixente para conseguir incrementar as partidas do Estatuto de Capitalidade, do Consorcio e da nova estación depuradora. “Precisamos que manteña unha actitude moito máis enérxica ante outras administracións, con máis ambición para que Santiago obteña os recursos aos que ten dereito e precisa”, indicou. “Néganse a mudar o sistema de residuos e apostar pola compostaxe e a poñer no centro as políticas de mobilidade e accesibilidade”, advertiu.

Reclamou tamén unha reforma da fiscalidade, na liña de que actúe con carácter redistributivo, “pagando máis quen máis ten e gravando as empresas eléctricas pola utilización do dominio público” ou nos ingresos do IAE das grandes empresas.

En canto á falta de diálogo, insistiu en que o Goberno local non convocou os consellos de participación cidadá (só o de saúde), cando era urxente neste contexto reunir o Consello de Relacións Veciñais e de Educación e convocar o de Persoas Maiores, con numerosas demandas nunha situación que lles afecta de maneira especial.

Advertiu tamén do desprezo que supón “non escoitar o sentir da veciñanza para solucionar os problemas” da Praza de Abastos, dos comerciantes do Ensanche, nin as propostas da USC para a recuperación da Residencia e a dotación dun aparcamento público que tamén sirva para o comercio do Ensanche, “e din que con vostedes non vai cando deixan 9 familias no paro tras unha modificación do transporte que coñecían moitos meses antes”.

En definitiva, “non existe unha planificación de onde queremos ir, de que Compostela queremos para o futuro, de modelo de cidade e de concello”. “Precisamos un cambio de rumbo, un saber escoitar e estar en disposición de que mellorar e avanzar en Santiago é cousa de todas e todos, sen vitimismos  nin triunfalismos, sen servilismos nin paternalismos”, explicou.

Goretti Sanmartín, no Debate do Estado: “O alcalde goberna como se o Concello fose seu, sen contar coa veciñanza”