ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO
Goretti Sanmartín empraza o alcalde a pedirlle a En Marea que presente unha emenda de devolución dos Orzamentos do Estado, que cualifica de “miserábeis e inaceptábeis para Santiago”
“Supoñen unha esmola que nos deixan sen infraestruturas comprometidas nos últimos anos”, advirte
“Con ese sucursalismo da política do Estado, o resultado é terríbel para Santiago de Compostela”, sinala
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, realizou unha valoración do proxecto de Orzamentos do Estado para Santiago de Compostela que cualificou de “miserábeis e inaceptábeis”, ademais de emprazar o alcalde Martiño Noriega a pedirlle “ao seus compañeiros da Marea que presenten unha emenda de devolución”.
“Se nos últimos falabamos de Orzamentos Xerais decepcionantes para Santiago, ese cualificativo queda pequeno; nestes momentos son miserábeis e inaceptábeis, unha especie de esmola que se nos dá e ao BNG o que lle transmiten son decepción, frustración e abandono”, indicou. “Sabiamos que os partidos estatais non se comprometen con Galiza”, sinalou en referencia a PP, PSOE, Podemos, Esquerda Unida e agora En Marea, porque estes son os peores orzamentos para Galiza e para Santiago de Compostela, que deixan no aire grandes compromisos coa capital do país.
Con relativo ao orbital, ten para este ano 2019 cero euros dun total de 16 millóns cun reparto de 1 millón para o ano 2020, 5 para 2021 e 10 para 2022. O BNG xa denunciara en 2017 unha baixada importante que deixaba o orbital en 29 millóns, cando daquela era o previsto eran 5 millóns en 2017 e 8 millóns nos tres anos seguintes, co remate en 2020. “Agora nin de broma, nin para o Xacobeo vai estar o orbital nin para o 2022 porque o groso queda para ese ano; iso é un agravio para Santiago de Compostela nunha infraestrutura que é vital”, afirmou.
Explicou tamén que hai unha partida simbólica para o orbitaliño e non hai nada consignado para mellorar a rotonda e a humanización de Conxo, “un exemplo de que a xente desconfíe das institucións e de ministros que veñen facer fotos xustamente na rotonda para dicir que van solucionar o problema de seguranza viaria e logo non cumpren”, advertiu.
En canto á partida de 65.000 euros para a depuradora, que cualificou de “ridícula”, dixo que na práctica o Estado está a recoñecer que Santiago non vai recibir os fondos europeos e non vai haber nova depuradora nos próximos anos co que se seguirá a contaminar o Sar.
Tampouco hai partida para a estación intermodal e outras reclamacións que tanto PP como PSOE “foron deixando á marxe” como o plan de usos para a vella terminal de Lavacolla, a seguranza viaria no Eixo e na Sionlla ou o edificio do CSIC nunha das ladeiras do Gaiás.
“Santiago fica invisibilizado por completo, desprezado como capital do país”, asegurou. “Entendemos que estes orzamentos son unha labazada a Galiza e constitúen a mostra evidente de que carece de peso político porque non hai ningún partido que vele polos nosos intereses no Estado”. Lembrou “aqueles tempos en que deputados e deputadas do BNG negociaban melloras para investimentos no noso país, era unha liña fundamental e Galiza existía politicamente se estaba o BNG e só a través de forzas que teñan o seu centro de decisión na nosa terra é como se poden conseguir cousas, porque con ese sucursalismo da política do Estado o resultado é terríbel para Santiago de Compostela”.
Deste xeito, emprazou o alcalde “a saír da súa suposta hibernación e poñerse en contacto cos seus compañeiros de partido en Madrid que supostamente negociaron, acordaron e pactaron estes orzamentos e lles faga ver polos intereses da veciñanza de Santiago que é inaceptábel este acordo ao que chegaron PP, Podemos e En Marea”, polo que “ten que pedirlles unha emenda de devolución de orzamento que é o único escenario que pode debuxar algo de esperanza ante uns orzamentos miserábeis, ridículos e que supoñen unha esmola que nos deixan sen infraestruturas comprometidas nos últimos anos”.