PLENO
Goretti Sanmartín propón un proxecto para reurbanizar o barrio da avenida de Salamanca, avenida de Coímbra, rúa Oviedo e rúa Ultreia
Reclama medidas de accesibilidade e seguranza viaria
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2018.- A concelleira do BNG de Santiago Goretti Sanmartín Rei presentou unha iniciativa para a reurbanización e humanización, con criterios de accesibilidade e seguranza viaria, da zona da avenida de Salamanca, avenida de Coímbra, rúa Oviedo e rúa Ultreia.
O grupo municipal do BNG recibiu queixas da veciñanza da avenida de Salamanca da necesidade dunha remodelación e humanización do barrio, pois é precisa a mellora do pavimento, das beirarrúas, dos bancos, dos pequenos espazos verdes e do parque infantil que presentan un claro estado de abandono, explicou.
É necesario tamén adoptar medidas de accesibilidade, pois ás rúas como a de Ultreia e a de Oviedo só se pode ir mediante escaleiras, moitos edificios da zona carecen de ascensor, son frecuentes as avarías da iluminación pública no inverno e as fugas de auga nalgunhas beirarrúas da zona. En xuño de 2017, a asociación veciñal das Marías xa dera traslado destas demandas ao concelleiro de Urbanismo, que adquirira o compromiso de resolver estas cuestións. Deste xeito, o BNG demanda que o Goberno local encargue este ano o proxecto para incluír nos Orzamentos de 2019 estas obras.
Logo do recente asfaltado da avenida de Coímbra, que volve estar con fochancas e os pasos de peóns con carencias de pintura, eliminouse a beirarrúa situada sobre o muro da avenida de Xoán XXIII, deixando só a da marxe esquerda de baixada con numerosas lousas levantadas e cunha anchura insuficiente que provoca problemas de seguranza viaria para peóns.
Ademais, referiuse ao peche do tráfico de Xoán XXIII que provoca nestas zonas unha saturación do vial que vai detrás do Burgo, entre Xornalismo e Filoloxía, de dobre sentido e sen beirarrúas, que está convertido nun desvío que non pode soportar a carga de vehículos actual porque non está preparado para ese tránsito tan alto.
Faise necesaria tamén unha nova reordenación de tráfico, sobre todo no horario de entrada e saída de colexios, cando se consente que os coches aparquen en calquera lugar, en dobre fila e mesmo sobre as beirarrúas, dificultando o tránsito das persoas que van a pé e dos autobuses, que teñen moitas veces ocupado o sitio de parada. Do mesmo xeito que cómpre unha reordenación dos espazos para aparcar reservados a residentes na zona verde que quedan libres nas fines de semana e nos meses de verán sen que poidan ser usados por vehículos sen esta tarxeta.
Trátase de destinar o tempo de verán para pensar e planificar unha actuación global de reurbanización e de mellora da mobilidade neste barrio para incluír un proxecto nos vindeiros orzamentos e evitar que se fagan obras de continuo como parches, un sobre outro, que non resolven os problemas de accesibilidade e seguranza viaria.
Podes ver a galería de imaxes do barrio.