PLENO

Goretti Sanmartín e Suso de Toro presentan “O espazo das nosas palabras”, unha iniciativa para difundir a lingua e a cultura galegas

susodetoro.gorettisanmartin
Suso de Toro e Goretti Sanmartín Rei

Será a primeira proposición que o BNG leve neste mandato ao Pleno

Goretti Sanmartín e Suso de Toro presentan “O espazo das nosas palabras”, unha iniciativa para difundir a lingua e a cultura galegas

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e o escritor Suso de Toro presentaron unha iniciativa para a creación do “Espazo das nosas palabras” en Santiago de Compostela co fin de contribuír ao proceso de dignificar e de dar a coñecer que Galiza ten unha cultura e un idioma propio. Será a primeira proposición que o BNG leve neste mandato ao Pleno.

Segundo explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa, a dimensión de Compostela como capital de Galiza desde a perspectiva social, cultural e política sobarda o local, “que é algo que sabía ben e practicaba a Xeración Nós, que falaba da cédula de universalidade que tiña que ser a nosa cultura”, a respecto da celebración do seu centenario en 2020 e do Xacobeo en 2021. Así, a condición de Santiago de Compostela como capital, ademais de cidade turística, debe ser aproveitada como canle para a difusión das expresións lingüísticas e culturais que nos identifican como pobo galego, recolle o texto da proposición.

Santiago é o lugar idóneo “para pór en marcha unha iniciativa cultural que sirva de exposición permanente onde se ensine a nosa literatura e a nosa lingua” para os milleiros de persoas que a visitan, “que moitas veces dan dúas voltas á Catedral e marchan sen coñecer que temos unha cultura e unha lingua de noso, o que vai axudar a cambiar a estratexia do modelo de turismo”. Deste xeito, a iniciativa do BNG pretende aproveitar o atractivo turístico para mostrarlle ao mundo a existencia dun país con cultura e lingua propias.

Suso de Toro, pola súa parte, explicou que unha capital como Santiago “ten que ser creativa, crear país e ser dinámica, non ser unha máquina morta”. O proxecto consiste en que nun edificio céntrico na Cidade histórica tanto a poboación galega, como escolares e visitantes teñan un espazo onde encontren desde a música de trobadores até a época contemporánea, para que constaten e descubran que Galiza é un país que ten unha lingua e unha literatura desde a Idade Media e que hoxe é moderna e traballa en todos os ámbitos.

A persoa que entre neste lugar escoitará a música das cantigas e a música que serve a composicións literarias, poderá ver expostos pergameos, papeis, libros e obxectos das nosas autoras e autores até hoxe, de xeito físico ou virtual e interactivo. Isto estará coordinado coas casas museo e fundacións de escritores/as existentes no país “para axudar a que as visitas de aquí poidan ir tamén alí”. “O propio centro debera ser coordinador e difusor da existencia destas fundacións”, engadiu.

Isto complétase con actividades literarias cunha programación propia, que contribúa a desestacionalizar e a alargar a estancia das persoas que visitan Compostela, segundo recolle a proposta do BNG.

Goretti Sanmartín e Suso de Toro presentan “O espazo das nosas palabras”, unha iniciativa para difundir a lingua e a cultura galegas