Hernández é cómplice do cambio de interventor e secretario que impulsou Conde Roa e mantivo Currás
A Xustiza dános a razón a quen denunciamos no terreo político este atropelo, publicamente e nos plenos, como a quen o denunciou xudicialmente que foi a CIG, explicou Rubén Cela
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, cualificou de esperpéntica a actuación de Agustín Hernández sobre a execución da sentenza que obriga a restituír os anteriores secretario e interventora nas súas prazas. Agustín Hernández é responsábel directo deste asunto, non é unha vítima de Conde Roa; é cómplice do que impulsou Conde Roa e mantivo Ángel Currás, afirmou. No Pleno extraordinario deste xoves darase conta do auto de execución da última sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Cando chegou á Alcaldía Agustín Hernández tiña enriba da mesa o expediente completo deste caso cos seus respectivos informes negativos dos técnicos municipais sobre a creación desas prazas. Pero é que ademais tiña dúas sentenzas dicindo que eses informes eran conforme a dereito e as actuacións eran ilegais, indicou. Así, referiuse a que no último auto xudicial lle botan unha reprimenda a Agustín Hernández por non executar a sentenza nos termos ditaminados pola Xustiza. Ademais, explicou, contratou avogados externos supostamente para defender interese xeral, cando en realidade estaba a defender o interese particular do PP, ao que se engade o incumprimento do convenio colectivo do persoal municipal polo que se seguen a manifestar na praza do Obradoiro.
Unha decisión política sen xustificación
A chegada do PP á Alcaldía de Santiago supuxo a toma dunha decisión política que foi traer dous novos habilitados estatais a este Concello e crear dúas novas prazas de secretario e de interventor, cando non estaban xustificadas nin pola falta de profesionalidade dos anteriores nin por un aumento da carga de traballo que implicase reforzar eses servizos. Todo iso acontecía ao mesmo tempo que o Concello de Santiago amortizaba 51 prazas do cadro de persoal e que incumpría o convenio colectivo municipal e suprimía dereitos laborais.
A Xustiza dános a razón a quen denunciamos no terreo político durante todos estes anos este atropelo, tanto publicamente como nos plenos, como a quen o denunciou xudicialmente que foi a CIG, asegurou Rubén Cela.
O PP confunde maioría absoluta con absolutismo
Isto é unha foto fiel deste mandato, un Concello xudicializado por corruptelas, por malas prácticas e por actuacións administrativas sen mínimo rigor e cando teñen consecuencias económicas que as paga a escote a veciñanza de Santiago de Compostela e non o causante, que é o PP. Do mesmo xeito que confunden maioría absoluta con maioría absolutista, porque o grupo de Goberno tiña a obriga de falar coas centrais sindicais no momento en que se produce un cambio no cadro de persoal e iso, como recoñece a sentenza, é un motivo de nulidade. Cuestionou ademais como se dilapidaron fondos públicos nesta decisión, nun momento de recortes económicos.
Isto vai supor para as arcas municipais un desembolso de máis de medio millón de euros pola neglixencia do PP que supoñen o salario destes habilitados, mais o custe da asesoría xurídica externa que contrataron e as posíbeis indemnizacións. Deste xeito, cuestionou que o PP se aproveite da lentitude da Xustiza para evitar aplicar a sentenza porque así, cun pouco de sorte, xa esgotan o mandato.