MEDIO AMBIENTE

Rubén Cela considera unha “irresponsabilidade política” non axilizar a construción da nova depuradora para Santiago

mesturadeaugas
Mestura de augas no Sar

A Comisión Europea reclámalle ao Tribunal de Xustiza da UE unha sanción económica ao Estado español por non depurar as augas vertidas ao Sar

 

 

 

 

Rubén Cela considera unha “irresponsabilidade política” non axilizar a construción da nova depuradora para Santiago

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, advertiu que nos últimos 5 anos non se avanzou, por culpa da xestión do PP, na construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) para Santiago de Compostela, un proxecto que levan 15 anos sen resolver os gobernos do Estado español e da Xunta de Galiza.

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea, nunha sentenza de 2011, ditaminou que as autoridades españolas infrinxían a lexislación comunitaria “ao non recoller e tratar axeitadamente as augas residuais urbanas vertidas en 37 cidades”, entre elas Santiago de Compostela. Agora, a Comisión Europea reclámalle ao Tribunal de Xustiza da UE unha sanción económica ao Estado español, que estima en 46,5 millóns de euros, por falta de tratamento de residuos líquidos en Santiago, ao considerar que augas fecais mal filtradas son un “risco grave para a saúde humana e o medio ambiente”.

Deste xeito, Rubén Cela lembra que tamén se debe actuar no ámbito local, posto que todos os grupos da oposición no Concello de Santiago incluíron emendas aos orzamentos 2016 para destinar fondos á construción da nova depuradora, mais Compostela Aberta desestimounas. “Neste contexto, cando Concello, Xunta e Estado están a elaborar os orzamentos para 2017 o BNG estará vixiante para que as palabras se concreten en actuacións reais”, indicou Rubén Cela.

Advertiu tamén que a veciñanza de Santiago de Compostela paga no recibo pola depuración das augas usadas, pese a que se verten ao río sen limpar, pois segundo datos oficiais (BOE do 27 de xuño de 2014) a capacidade de tratamento da EDAR de Silvouta supera nun 69% a carga de deseño. Isto ocasiona que unha parte significativa do caudal entrante se alivie sen depurar completamente e tendo en conta que unha gran parte do caudal do río Sar (perto do 50%) é proporcionado pola propia EDAR incúmprense normativas ambientais. Esta situación vólvese máis alarmante cando chega o verán e o río diminúe o seu caudal natural.

Publicacións sobre análises físico-químicas das augas do Sar e do Sarela aprecian un elevado contido de nitritos, alta condutividade e redución de osíxeno en disolución. Tras recibir o vertido principal da cidade de Santiago de Compostela, as condicións das augas sofren un drástico empeoramento, ao engadir concentracións moi altas de amonio, fosfatos e sulfatos, o que provoca a desaparición de determinadas especies animais no Sar.

Rubén Cela considera unha “irresponsabilidade política” non axilizar a construción da nova depuradora para Santiago