PLENO

O BNG require unha placa en lembranza das 2.000 persoas que resistiron en San Martiño Pinario na Revolución Galega de 1846

Considera que é necesario sinalizar os lugares onde aconteceron estes feitos para lembrar a historia de Compostela

O BNG require unha placa en lembranza das 2.000 persoas que resistiron en San Martiño Pinario na Revolución Galega de 1846

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2017.- O grupo municipal do BNG demandará no Pleno a instalación dunha placa conmemorativa da Revolución Galega de 1846 a carón do mosteiro de San Martiño Pinario.

Santiago de Compostela foi un dos escenarios clave da Revolución Galega de 1846 posto que nesta cidade se reuniu a Xunta Superior do Goberno de Galiza que publicou a proclama elaborada por Antolín Faraldo contra o sistema tributario, recorte de dereitos e centralización administrativa impulsada por Ramón María Narváez. Nesa proclama expresa que "Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da Corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento". Isto daría pé ao comezo da revolución e á ofensiva do Goberno español para intentar sufocala.

Máis de 2.000 persoas resistiron no mosteiro de San Martiño Pinario, onde levaron tamén o arcebispo Rafael Vélez. Entre eles estaban 300 estudantes e voluntariado civil. Miguel Solís solicitou un armisticio mediante o arcebispo que foi rexeitado polo bando español. Os revolucionarios entregaron as armas; uns marcharon a Portugal e Solís foi apreixado nas escaleiras de San Martiño Pinario xunto con 60 oficiais, que serán xulgados por un tribunal militar e fusilados para aplacar a poboación disposta a continuar coa rebelión pola liberación do país. Convértense así nos Mártires de Carral.

Deste xeito, o BNG considera que é necesario sinalizar os lugares onde aconteceron estes feitos para lembrar a historia e dar a coñecer o pasado de reivindicación política que se viviu en Santiago de Compostela.

O BNG require unha placa en lembranza das 2.000 persoas que resistiron en San Martiño Pinario na Revolución Galega de 1846