Rubén Cela: “Con esforzo, convición e compromiso reconstruíremos a alternativa nacionalista"

Rubén Cela: “Con esforzo, convición e compromiso reconstruíremos a alternativa nacionalista"

“Os resultados son negativos porque non alcanzamos o obxectivo de contar, como nos últimos 20 anos, cunha forza propia, netamente galega e nacionalista no Congreso”, explicou o portavoz municipal en Raxoi.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, a preguntas de xornalistas, realizou unha valoración dos resultados das Eleccións Xerais de 2015, onde agradeceu "ás máis de 3000 veciños e veciñas de Santiago que, contra vento e marea, decidiron este domingo depositar a súa confianza en Nós Candidatura Galega, porque non era doado e tiñamos absolutamente todo en contra”.

Para Nós Candidatura Galega, o resultado é “negativo sen paliativos nin matices”, se ben é certo que Santiago xunto con Pontevedra son as cidades onde o BNG resiste algo mellor, “pero aínda así o resultado é malo no conxunto do país como en Compostela”.

Son resultados negativos en termos cuantitativos como cualitativos, “porque non alcanzamos o obxectivo electoral que era poder contar, como nos últimos 20 anos, cunha forza propia, netamente galega e nacionalista no Congreso”. Ademais, o número de votos é “absolutamente insuficiente e por debaixo das expectativas marcadas”.

No caso de Santiago, foi un resultado “moi similar en votos nas últimas europeas e nas municipais e absolutamente insuficiente, por diante queda moito que analizar e que mudar”, indicou.

Ademais, indicou que “o BNG ten unha convición moi firme que este país e esta cidade precisan hoxe máis ca nunca, por moitas razóns, unha opción nacionalista”. Amosouse convencido de que “con moito esforzo, convición e compromiso seremos capaces de reconstruír unha alternativa nacionalista forte para Galiza e para a súa capital”.

“A partir de hoxe mesmo nos poremos a traballar para recuperar a confianza de persoas que nos teñen votado no pasado e das 2.000 persoas que nos votaron a maiores no Senado que no Congreso nestas últimas eleccións, o que quere dicir que existe unha simpatía, aínda que non unha coincidencia total neste momento, mais hai un campo para recobrar a confianza de persoas que quererán no futuro apoiar unha forza política nacionalista como o BNG ou, neste caso, como Nós Candidatura Galega”, concluíu o portavoz municipal en Raxoi.

Rubén Cela: “Con esforzo, convición e compromiso reconstruíremos a alternativa nacionalista"