Rubén Cela apela ao “diálogo e pedagoxía social” para revitalizar Santiago Patrimonio da Humanidade

Rubén Cela apela ao “diálogo e pedagoxía social” para revitalizar Santiago Patrimonio da Humanidade

“Non queremos un museo ao aire libre, queremos unha cidade vella viva e dinámica, chea de xente nas súas casas, con crianzas xogando nas rúas e con pequeno comercio”, explica o portavoz municipal do BNG

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, no acto do 30 aniversario da Declaración de Santiago de Compostela como cidade Patrimonio da Humanidade apelou ao “diálogo, busca de consenso e pedagoxía social” para “protexer, revitalizar e dalo a coñecer”.

“Compostela é universal, patrimonio do conxunto das mulleres e homes que habitamos hoxe este planeta e das xeracións que aínda están por vir; temos pois unha responsabilidade colectiva e compartida”, explicou Rubén Cela.

“Temos un grande reto por diante, que non admite demora”, dixo na súa intervención, “soubemos conservar a pedra e, agora, sen abandonar esa tarefa, toca preservar a vida que lle deu e dá sentido ao noso monumental contorno”. Así, afirmou non querer “un museo ao aire libre, queremos unha cidade vella viva e dinámica, chea de xente nas súas casas, con crianzas xogando nas súas rúas e con pequeno comercio nos seus baixos”.

Agregou tamén que “Santiago é a capital de Galiza, a meta do itinerario cultural máis antigo de Europa e unha cidade Patrimonio da Humanidade que como tal debe ser tratada e como tal debemos facer que se trate”.

Rubén Cela apela ao “diálogo e pedagoxía social” para revitalizar Santiago Patrimonio da Humanidade