O BNG bota en falta un modelo de cidade na Estratexia de Desenvolvemento Urbano e Sostíbel Integrada aprobada no Pleno
Rubén Cela alude á ausencia de actuacións prioritarias que poden encaixar no financiamento europeo e a previsíbeis erros de xestión nos pagos plurianuais
Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2016.- O grupo municipal do BNG aludiu no Pleno extraordinario para a aprobación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano e Sostíbel Integrada que non se recollen actuacións urxentes óptimas para introducir nas propostas concretas de financiamento europeo como o aparcadoiro do Campus Sur, o Palacete Finca do Espiño, a renovación da iluminación pública cos datos da última auditoría ou o acondicionamento da Casa da Máquinas de Galeras, entre outras que citou Rubén Cela durante a súa intervención. O documento aprobouse coas abstencións de BNG, PP e PSOE.
Ademais, o portavoz municipal xustificou o voto de abstención do grupo nacionalista por responsabilidade coa cidade, que non ten culpa de como o Goberno local tramitou este proxecto e co obxectivo de que se poida aprobar para que un día despois, que é cando remata o prazo, o Concello de Santiago poida solicitar esta axuda da Unión Europa.
Deste xeito, o BNG facilitou optar ao financiamento dun proxecto de 18.750.000 euros, dos cales, 15.000.000 de euros, procederían de financiamento europeo, a través de fondos FEDER e 3.750.000 euros de fondos propios do Concello, pese a cualificar de inaceptábeis as formas nas que se tramitou un tema de transcendencia coma este, que guiará o futuro de actuacións até 2015 e onde se detecta que falta unha visión estratéxica a medio-longo prazo da cidade que se quere da que se vaian descolgando as diferentes liñas traballo até chegar a actuacións concretas.
Rubén Cela exemplificou a inclusión do teleférico ao Gaiás neste documento de propostas do Goberno de CA, que agardemos fiquen só no recordo e que ninguén presente en serio como unha liña de actuación dunha Estratexia de Desenvolvemento Sostíbel até o 2025, algo que en termos económicos e de prioridades políticas é un auténtico disparate e que mesmo faría perigar como xa ten advertido o ICOMOS, a propia declaración de Patrimonio da Humanidade que tanto traballo e esforzos levou conseguir e manter.
Cuestionou tamén a incorporación de actuacións como a rúa de Patio de Madres ou Castrón Douro cunha plurianualidade a tres exercicios, con obras durante 2016, 2017 e 2018, ou a pavimentación da rúa das Rodas durante 2017 e 2018.
Ademais, criticou que aparecen consignados 2,5 millóns de euros para realizar un Centro Municipal de Acollida para persoas sen fogar, que cualificou de máximo interese pero que carece de estudo previo en canto ao seu mantemento, posto que se non poden crear novas prazas, o que suxire que están xa a pensar nunha xestión privatizada.
O BNG bota en falta tamén programas concretos en materia de medio ambiente que precisa de urxencia Santiago de Compostela, como un plan de mellora da rede de abastecemento e saneamento, a corrección dos problemas de asolagamentos, unha proposta alternativa ao plan de tratamento de residuos sólidos urbanos de Sogama ou financiamento para desenvolver o Plan Especial das Brañas do Sar, entre outros.