O BNG reclama unha solución no Parlamento ante a falta de prazas de aparcamento no CHUS
A deputada Ana Pontón reclamou construír un parking público e gratuíto para resolver os problemas de accesibilidade ao hospital
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2015.- A parlamentaria do BNG Ana Pontón formulou unha pregunta ao Goberno na Comisión de Sanidade sobre os problemas derivados da falta de aparcamentos no CHUS.
A parlamentaria explicou que Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela atende a máis de 400 mil persoas que deben desprazarse dos concellos desta área sanitaria e mesmo pacientes derivados dende outras áreas sanitarias como Pontevedra ou o Salnés ao que hai que sumar a pacientes hospitalizados e as persoas que acoden a consultas externas o que provoca diariamente graves problemas para aparcar, situación, dixo que tamén afecta aos traballadores e traballadoras. Só é necesario acercarse a zona para comprobar como os coches están subidos as beirarrúas dificultando a mobilidade das persoas e sobre todo as que deben ir con cadeira de rodas ou son maiores.
O BNG pide construír un parking público e gratuíto
A parlamentaria asegurou que existen terreos onde se podería construír un parking, público e gratuíto. A Xunta non pode seguir penalizando aos pacientes, traballador@s, familiares e persoas usuarias que cada día atopan graves problemas para buscar aparcamento o que está a crear unha situación caótica sobre todo coas consultas externas durante a mañá.
A deputada tamén lembrou que no ano 1999 coa posta en marcha do hospital, a propia administración sanitaria e o concello recoñecían que as prazas públicas ou en superficie eran insuficientes.Dende o BNG entendemos que a situación, a piques de rematar o ano 2015 non se ten solucionado.As medidas articuladas non resolveron o problema e denunciou as tarifas abusivas, dous euros a hora, do parking subterráneo utilizado como alternativa máis próxima ao centro hospitalario.
O SERGAS bota balóns fora e non se compromete a pesar de ter competencias na materia
Tras a resposta do Xerente do SERGAS, Antonio Fernández Campa, a nacionalista lamentou que non respondera ás preguntas formuladas e mesmo minimizara o problema, pero sobre todo a constatación de que non van facer absolutamente nada.
Vostede, dixo, Pontón, fala da existencia de 1.000 prazas pero en realidade son 825 en superficie, insuficientes porque cada día só nas consultas externas do hospital mobilízanse moitas máis persoas e tamén intenta convencernos de que en catro minutos a pe chegamos ao hospital dende o parking da Choupana cando en realidade son quince minutos, seguramente, ironizou a nacionalista, será porque vostede ten un paso rápido. Ese parking, recalcou non funciona como parking disuasorio e a pesar de nacer con esa intención tampouco conta coa sinalización axeitada no propio hospital polo tanto, na práctica non existe.
A deputada respondeu ás afirmacións do xerente do SERGAS que existen prazas libres no parking subterráneo porque resulta prohibitivo para unha gran parte da poboación polo que volveu a preguntar que vai facer a Xunta en materia de transporte metropolitano e sobre a posible construción do parking gratuíto, cuestións sobre ás que Fernández Campa tampouco respondeu.