Callón: Chámannos soñadoras por aspirar a defender Galiza coas nosas forzas, pois soñemos!
Fronte ao bipartismo a catro, proclama que NÓS-Candidatura Galega é o equipo da casa para pechar o paso a dereita e dar voz soberana ao país
Mitin en Santiago de Compostela con Xavier Vence, Suso de Toro, Tereixa Novo, Elvira Souto e Encarna Otero
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2015.- O cabeza de lista pola Coruña de NÓS-Candidatura Galega iniciou o seu mitin en Santiago na recta final da campaña, proclamando o seu convencemento de que hai miles de persoas neste país que non están dispostas a asumir a milonga de que a solución para o bipartidismo a dous do réxime é un bipartidismo a catro empaquetado desde os platós de televisión.
Galiza ten que estar é a única garantía é NÓS, o equipo da casa, a única forza que ten a cabeza e o corazón aquí, que non ten máis disciplina que a que lle marque a xente deste país, salientou Callón. Chámannos soñadoras por aspirar a defender esta terra coas nosas propias forzas, por atrevernos a imaxinar un país con traballo, dereitos e benestar, pois soñemos e demostremos o 20D que volveremos a dar voz soberana a Galiza como durante vinte anos fixo o BNG, proclamou Callón.
O cabeza de lista pola Coruña dirixiuse a todas as persoas que podan ter dúbidas entre elixir mudar o goberno do Estado ou optar por darlle voz a Galiza.
Dígolles que con NÓS-Candidatura Galega non teñen que renunciar a ningunha das dúas, porque somos garantía de cambio e somos o equipo da casa. NÓS nunca permitirá que a dereita, -nin a vella, nin a nova-, siga a impor as súas políticas de recortes de dereitos, de privatización de servizos, das políticas que nos empobrecen. E, ao mesmo tempo, somos a garantía de que este país vai ter voz soberana e firme en Madrid.
Callón instou a mobilizarse a todas as persoas que queren un futuro para eles e para os seus fillos e fillas aquí, nunha Galiza con futuro, pedíndolles que se activen para encher as urnas de votos en clave de país o 20D, para abordar unha lexislatura sen maiorías absolutas nas que se vai reconfigurar o modelo de Estado.
Durante o mitin, o candidato ironizou cos paracaidistas que nin cando veñen a Galiza son capaces de explicar as súas propostas para este país. O programa de Podemos menciona 2 veces Galiza, 12 a Catalunya, e outros son incapaces de citar nin unha soa medida nin aínda que lla pregunten, denunciou.
En cambio, NÓS-Candidatura Galega ten un programa cheo de medidas para este país, porque dóenos ver os nosos gandeiros e gandeiras cobrando prezos de miseria polo leite, dóenos ver os nosos mariñeiros do cerco acampados dous meses ante a sede da Xunta, papando frío, para defender que lles deixen vivir no seu traballo, dixo.
Igual que nos doe ver aos emigrantes retornados perseguidos pola facenda española; aos estafados pola banca, aos nosos maiores coas pensións máis baixas do Estado. E mentres Bárcenas, sé fuerte, criticou, ou ver a nosa mocidade coller as maletas, como fixeran os seus avós, a taxa de emigración xuvenil triplica a media estatal-. Como non imos ter un problema demográfico!, alegou.
Para cada problema real deste país, NÓS-Candidatura Galega propón unha medida, por iso é tan importante que Galiza teña representación propia o 20D. Non podemos permitir quedarnos mudos e conformarnos co que teñan a ver darnos. Querémolo todo!, concluíu.
Ademais de Callón, o mitin contou coas intervencións de Xavier Vence, Suso de Toro, Tereixa Novo, Elvira Souto e Encarna Otero, que coincidiron na necesidade de ter forza propia en Madrid.