Rubén Cela: O Goberno de Compostela Aberta presentou a antítese duns orzamentos participativos
Anunciou que poderán contar co apoio do BNG na redución de gasto superfluo, incremento de gasto social e investimentos produtivos para a creación de emprego
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2016.- Rubén Cela realizou unha valoración inicial dos orzamentos municipais para 2016 e aludiu a incumprimentos formais e electorais, pois presentáronse fóra de prazo co que se prorrogan os orzamentos do PP e son a antítese dos orzamentos participativos.
Así, realizou esta análise en rolda de prensa coa documentación entregada polo grupo de Goberno á oposición ao mesmo tempo que aos medios de comunicación, de xeito que mantén esta cuestión que facía o PP con anterioridade e que tanto temos criticado.
Manifestou que os orzamentos chegan tarde porque non se aprobaron no prazo legal de antes do 31 de decembro e porque dende que Compostela Aberta toma posesión en xuño tiñan que ser a súa prioridade en termos políticos, para plasmar en números as súas alternativas, mais decidiron prorrogar os orzamentos do PP, ademais de convocar os grupos de oposición para unha primeira reunión para o 14 de xaneiro.
Advertiu tamén que esta proposta de orzamentos vén precedida de dous incumprimentos formais e legais como son o Plan Económico e Financeiro, unha vez que destapan que o PP quebrantou a regra do gasto á que obriga a Lei de Estabilidade Orzamentaria. Así, lembrou que o Goberno de Compostela Aberta asegurou nun Pleno municipal que estaban a elaborar o Plan Económico e Financeiro, mais non o fixeron.
Ademais, Rubén Cela aludiu a un incumprimento electoral de Compostela Aberta sobre os orzamentos participativos, isto son a antítese: son orzamentos de despacho, mascados, redactados e sen contar coas achegas do tecido asociativo veciñal, económico, cultural e social.
Rubén Cela considera que a negociación dos orzamentos comezou con mal pé cando no marco da aprobación das ordenanzas fiscais o propio alcalde fai unha ameaza nada velada de que no caso de non conseguir os orzamentos que estiman oportunos o seu debate estará vinculado a unha cuestión de confianza. Ese é o peor escenario posíbel e agardo que non se chegue a producir, indicou, e que a cordialidade e boas palabras da reunión se cheguen a concretar en feitos nas vindeiras semanas.
O BNG ten vontade e traballará arreo para conseguir un espazo de diálogo, de confianza na que se poida chegar a consensos de importancia para a cidade. Non se pode esixir agora que fagan nunha semana o que non fixeron 7 meses, indicou, e todo o que sexa redución de gasto superfluo (gastos de representación institucional, protocolo e publicidade), incremento de gasto social (para protexer as persoas máis desfavorecidas), investimentos produtivos (que contribúan a dinamizar a economía e a crear postos de traballo) e investimentos centrados nas necesidades de Santiago poderán contar co apoio do BNG. Así, afirmou iniciar este proceso do que agarda que existan grandes acordos que sexan positivos para a cidade.
Estes orzamentos van demostrar, como defendía o BNG, que se pode facer máis e mellor en política social, económica e laboral sen subirlle os impostos a toda a veciñanza de Santiago, a ricos e a pobres, engadiu o portavoz municipal nacionalista.