ENSINO

Rubén Cela: “A solución ao conflito da Escola de Música pasa pola municipalización do servizo”

Advirte de que a mala xestión do Goberno de Compostela Aberta pode embocar en indemnizacións á empresa que pagará a veciñanza

Rubén Cela: “A solución ao conflito da Escola de Música pasa pola municipalización do servizo”

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2018.- O concelleiro do BNG Rubén Cela realizou unha valoración sobre a situación da Escola Municipal de Música filtrada a un medio de comunicación e reiterou que “a solución ao conflito da Escola de Música pasa pola municipalización do servizo para continuar co profesorado e co proxecto educativo de calidade”. Alertou de que o expediente carece de informe da Intervención municipal, “cando vai ampliar nunha cantidade significativa de diñeiro esa licitación”.

“Non se pode xestionar peor unha cousa, toda a tramitación da Escola Municipal de Música é unha imaxe estupenda do que supuxeron estes anos de Compostela Aberta no plano administrativo e de xestión ordinaria municipal”, advertiu Rubén Cela.

“O Goberno local con esta actuación vén demostrar, sen recoñecelo, que o BNG tiña razón en que os pregos de licitación da Escola Municipal de Música estaban mal feitos”, afirmou. “Paréceme impresentábel que os grupos municipais coñezamos este procedemento a través dunha filtración do Goberno a un medio de comunicación, porque cando queren teñen axilidade para convocar xunta de portavoces”, dixo, “acabamos de recoller agora o expediente mais non está nin sequera completo porque falta a documentación desa consultora Pilot que acaba de facer un contrainforme económico”. Alertou tamén de que o expediente carece de informe da Intervención municipal, cando vai ampliar nunha cantidade significativa de diñeiro esa licitación.

Cualificou de “impresentábel” que non se convocase a mesa de contratación e fixo un relatorio dos trámites administrativos: hai unha licitación pública, preséntase unha empresa, exclúese esa empresa de xeito indebido, que recorre ao Tribunal Especial de Contratación e lle dá a razón e lla quita ao Concello e obriga a volver readmitir esa empresa. Segue unha mesa de contratación onde se lle solicitan unhas aclaracións á empresa, a empresa fai as aclaracións, o Concello non lle responde e hoxe soubemos pola prensa de que está todo anulado, explicou. Rubén Cela sinalou deste xeito que ten “moitas dúbidas da legalidade do que vén de facer o Goberno municipal porque en termos administrativos e formais non é correcto”.

O BNG defende que a Escola Municipal de Música ten que seguir a funcionar “cun bo modelo educativo e con bos profesionais, polo tanto, sempre imos estar do lado de buscar unha solución dese tipo mais non imos estar do lado das saídas chapuceiras do Goberno local que rozan a ilegalidade dun xeito falto de transparencia e de información”, destacou. Para o BNG, a solución deste conflito pasa pola asunción directa deste servizo, como está aprobado no Pleno municipal. “Este servizo xa foi de xestión directa no pasado e non hai ningunha razón que xustifique que este Goberno de Compostela Aberta remunicipalizase a ORA e o guindastre e non o faga coa Escola Municipal de Música”, afirmou.

“A única preocupación de Martiño Noriega é chegar ás eleccións de maio sen ter un conflito na Escola Municipal de Música, para iso o que fai é xudicializalo e que paguen os veciños e veciñas a indemnización á empresa Esproade que, como mínimo, vai custar 50.000 euros”, advertiu. “Vano pagar os membros da Xunta de Goberno ou os veciños e veciñas de Santiago?”, preguntouse retoricamente. Así, prognosticou que “van ter indemnizar esa empresa despois de que houbese un reparo da Intervención municipal a aqueles pregos e pasaron aquel reparo polo forro, cando aducía que non se xustificaba debidamente o prezo de licitación”.

Rubén Cela: “A solución ao conflito da Escola de Música pasa pola municipalización do servizo”