Ana Pontón pídelle á secretaria de Urbanismo que retire a súa incriminación ás protestas de Galeras
O PP cualifica de coaccións as reivindicacións da veciñanza de Compostela que se opón ás obras no parque de Galeras
O BNG requiriu un pronunciamento da Xunta sobre os erros de tramitación da obra da rotonda de Galeras de cara a esixir a suspensión
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2014.- A deputada do BNG Ana Pontón defendeu no Parlamento galego que a Xunta determine a paralización das obras da rotonda de Galeras, en Santiago de Compostela, porque non se axustan á legalidade na súa tramitación e non atenden ao interese público na súa xustificación. Ademais, Ana Pontón pediulle á secretaria xeral de Urbanismo que retire a incriminación ao dereito da veciñanza a protestar polas obras de Galeras, que cualificou de coaccións que non reverterán no cambio da actuación.
Segundo explicou a deputada nacionalista -na súa intervención na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos- nas obras da rotonda de Galeras subordínanse o interese público sobre o privado e non contribuirán a unha mellor ordenación do tráfico nin mellorará a calidade de vida da veciñanza.
Ana Pontón destacou tamén que o proxecto non se someteu a información pública, o que constitúe unha vulneración dos dereitos da veciñanza á hora de definir o urbanismo, que nin sequera puido expresar a súa desconformidade sobre a alteración dos elementos estruturais dos seus edificios. Ademais, as obras foron iniciadas sen a pertinente licenza municipal e sen informes de Patrimonio, a pesar de estar no denominado perímetro azul da Cidade Histórica de Santiago de Compostela.
En concreto, a deputada parlamentar nacionalista requiriu a opinión da Xunta de Galiza a respecto do cumprimento da legalidade vixente no procedemento seguido no convenio asinado entre o Concello de Santiago de Compostela e un particular para a execución dunha actuación de seguridade viaria e tráfico rodado nas rúas de Galeras e Domingo García-Sabell, así como a eventual paralización das obras iniciadas que xeraron a oposición da veciñanza.
Pola súa parte, a secretaria xeral de Urbanismo recoñeceu que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) está a investigar o procedemento seguido polo Goberno local de Santiago na rotonda do parque de Galeras, mais a pesar de eludir pronunciarse coa escusa de ter aberto o expediente, aproveitou para cualificar de coaccións as protestas veciñais contra o proxecto que, segundo afirmou, non reverterán nun cambio de actuación.