A asemblea local aberta do BNG acorda trasladar a CA que o obxectivo é garantir a gobernabilidade
Neste comezo de mandato xulga que Compostela Aberta iniciou, lexitimamente, un goberno en minoría sen contar co BNG
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2015.- O BNG de Santiago analizou, nunha concorrida asemblea aberta, os pasos dados por Compostela Aberta nas últimas semanas e o debate e resultado da súa asemblea a respecto da posibilidade de conformar goberno co BNG. Por unha banda, tras darlle o apoio favorábel a CA na investidura, esta formación política realizou o reparto de áreas e de tenencias de Alcaldía sen informar á comisión negociadora nin ao grupo municipal nacionalista, nunha proposta de goberno que comezou xa a súa andaina en solitario. Por outra parte, constatouse a existencia de resistencias no interior de CA para formar goberno conxuntamente co BNG.
Por todo isto, tendo en conta como CA xestionou os prazos para realizar unha oferta de goberno, a asemblea aberta do BNG decide traballar para garantir a estabilidade do goberno baixo a defensa do programa con que concorreu ás eleccións, e facelo, nestes momentos, con acordos puntuais e progresivos, sen présa por chegar a acordos de integración dentro do goberno, máis aínda cando a entrada do BNG non supón conseguir a maioría absoluta que posibilitase maiores e máis rápidos avances sobre un programa de transformación do concello.
Deste xeito, o BNG iniciará o mandato baixo a premisa de dar traslado ás reivindicacións sociais da veciñanza ao Concello e, de se daren as circunstancias no futuro, valorará as propostas de CA para chegar a un acordo de gobernabilidade baixo puntos programáticos, de apoios puntuais ou mesmo para conformar goberno.
A asemblea do BNG acordou tamén trasladar o agradecemento da posición da asemblea de CA que, aínda que non se traduciu nunha proposta en firme para entrar no goberno, aprobou esa vontade.