O BNG traslada a CA o voto favorábel á investidura e a disposición de estudar unha oferta de acordo
É necesario e urxente comezar a tomar decisións, para que a veciñanza coñeza a fórmula e saiba como se vai gobernar neste concello, explicou Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2015.- A comisión negociadora do Bloque Nacionalista Galego reuniuse con Compostela Aberta para transmitirlle o acordo adoptado en asemblea aberta de apoiar co voto favorábel a sesión de investidura e a disposición de estudar calquera outra fórmula concreta de acordo para contribuír a garantir a gobernabilidade deste concello, en declaracións de Goretti Sanmartín aos medios de comunicación realizadas ao remate da xuntanza.
Como resultado do encontro, o BNG observou unha certa indefinición das propostas de Compostela Aberta que non ten aínda a fórmula coa que vai querer gobernar esta concello, indicou. Nese caso concreto, o BNG trasladou que o lóxico para poder estudar esa proposta é coñecela con anterioridade e saber se existe vontade de chegar a un acordo ou non por parte de Compostela Aberta.
A pelota, no tellado de Compostela Aberta
Por parte do BNG, explicou a portavoz da comisión negociadora, continuamos con disposición de estudar a oferta de gobernabilidade que presenten, mais está a pelota no seu tellado e Compostela Aberta, que como forza maioritaria é quen ten que facer unha proposta para que a poidamos estudar.
Segundo explicou Goretti Sanmartín, trasladóuselles tamén que, a 15 días das eleccións e a 4 días da conformación xa da nova Corporación, é necesario e urxente comezar a tomar decisións, para que a veciñanza de Santiago de Compostela coñeza a fórmula e saiba como se vai gobernar neste concello.
Nese sentido, segundo afirmou, a veciñanza está desexosa de saber e de coñecer, coa lexitimidade das decisións de Compostela Aberta de gobernar en minoría ou con apoio doutras forzas, porque gobernar é tomar decisións, ter un programa de goberno, pensar en executalo, estabelecer prioridades e saber cal é o equipo, cuestións que, dende a nosa perspectiva, aínda están moi indefinidas e inconcretas, concluíu.
Pola parte do BNG, participaron na xuntanza Goretti Sanmartín, Rafael Vilar, Pilar Lueiro e Ignacio Louzao.