O BNG advirte que a denuncia ao gandeiro sancionado procede dunha única vivenda
O gando vai por unha vía pola que non está prohibido o paso de animais, en zona de concentración parcelaria, explica Elvira Cienfuegos
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2014.- A concelleira Elvira Cienfuegos respondeulle ao alcalde cando convidou a reflexionar sobre que só existe problema nunha das 427 explotacións agrogandeiras de Santiago que pretenden sancionar con 750 euros que omitiu que as queixas proceden dunha única vivenda e ampliaba a opinión e a denuncia da presidenta da asociación veciñal ao conxunto de membros da asociación.
Das vivendas dos arredores das máis de 400 explotacións gandeiras existentes non saíron denuncias tan reiteradas como as da casa veciña do gandeiro a quen se lle notificou a sanción, nin ningún gandeiro foi sometido a vixilancia policial máis ca este.
Así, desvelou que as reiteradas chamadas á central da Policía determinaron polo menos 7 visitas da Policía local ao punto do conflito, moitas delas entre as 8:30 e as 9:00 e algunhas en días sucesivos, sen que en ningunha delas se fixese constar máis que a afección en 50-100 m. de vía con excrementos que o propietario do gando se comprometía a limpar, como así fixo, moitas das veces diante do policía.
Ademais, explicou que cada día, a esa hora, o gando sae do prado para ser muxido. O gando vai por unha vía pola que non está prohibido o paso de animais e logo de que deixen parte dos excrementos no prado, mais algunha vaca pode deixar a súa dexección na vía, non as 30 vacas, indicou.
Pero o tramo obxecto das reiteradas chamadas á Policía local non son 50-100 metros calquera; están diante da casa dun membro deste corpo, única casa da que parten as denuncias, asegurou. Segundo indicou, estas denuncias, recibidas tamén pola presidenta da Asociación Veciñal, foron trasladadas como súas ao Concello, non como acordo do conxunto de veciños e veciñas da asociación que non foron previamente consultadas.
Cuestionou tamén que o alcalde propoña un punto de equilibrio entre os afectados, tratando de reducir o problema a un asunto de convivencia. Faino despois de que o Concello notificase unha sanción de 750 euros ao gandeiro, é dicir, despois de adoptar unha postura decidida a favor da vivenda afectada e en contra de quen vén dende hai varias xeracións desenvolvendo unha actividade produtiva.
O BNG entende que o Concello ten primeiro que recoñecer os dereitos que asisten ao gandeiro de poder levar o gando polas vías públicas e despois poderase falar de evitar molestias a quen foi vivir a unha zona agrogandeira; o que non se pode supeditar é a actividade á sensibilidade e á insistencia da xente que foi vivir alí.
Non é o caso dun gandeiro. É o caso dun concello que non recoñece a actividade agrogandeira. En resumo, o que falta é recoñecer non só que hai máis de 400 explotacións gandeiras no concello senón recoñecer que teñen dereito a desenvolverse nel, porque dan traballo a máis de 700 persoas, porque é un sector importante non só para a nosa economía senón para a nosa supervivencia como país e porque non podemos permitirnos o desbaldimento dunhas potencialidades produtivas que son esenciais sempre e máis neste momento, concluíu.