Rubén Cela critica a pasividade do alcalde ante o novo incumprimento da Xunta coa Escola de Idiomas
No documento de cesión da parcela fixouse un prazo de 18 meses para iniciar estas obras, advirte
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, destacou a falta de compromiso coa ampliación da Escola Oficial de Idiomas como un novo incumprimento do Goberno galego do Partido Popular con Santiago, posto que o alcalde, Agustín Hernández, non é capaz nin de convencer os seus antigos compañeiros como Jesús Vázquez para que cumpran as súas promesas. A semana pasada o conselleiro reuniuse co alcalde Agustín Hernández, e sorprendentemente descartou a nova EOI a curto prazo. Rubén Cela criticou esta actitude do conselleiro e a pasividade do alcalde.
Sinalou tamén que quen paga esta mala xestión serán as persoas que queden fóra por non haber espazo físico para acoller máis quendas na Escola Oficial de Idiomas de Santiago e as que teñan que recorrer á oferta privada ou se desprazar á Coruña para poder estudar determinados idiomas.
Na Xunta de Goberno do 20 de setembro de 2012 acordouse ceder unha parcela municipal do barrio de Santa Marta á Xunta de Galiza para a construción da tan demandada nova sede da Escola Oficial de Idiomas de Santiago e deuse conta dese acordo no Pleno do 27 de setembro de 2012. O 24 de xullo de 2013, case un ano despois, procedíase a aprobar en Xunta de Goberno unha corrección de erros do acordo de 2012. Habería que agardar até a Xunta de Goberno do 10 de marzo de 2014 para que se formalizase dun xeito correcto e definitivo a transmisión gratuíta desa parcela de 6.209 metros cadrados na Avenida de Bilbao, á beira do CSC de Santa Marta para a construción da nova EOI. É dicir, foron dous anos perdidos, sinalou.
Destacou Rubén Cela que nese último documento de cesión da parcela fixouse un prazo de 18 meses dende a formalización da cesión para que comezasen as obras. Ademais, nos últimos exercicios orzamentarios da Xunta de Galiza, sempre se recolleu unha partida específica para o comezo deses traballos, en concreto, nos orzamentos da Xunta de 2013 aparecían 129.000 euros para a construción da nova EOI que non se executaría. Nos orzamentos deste ano 2014 aparecía outra partida aínda máis insignificante, de 40.000 euros, que á vista das declaracións do conselleiro quedará sen executar, tal e como anunciamos dende o BNG que acontecería ao tratarse claramente dunha partida cunha única finalidade propagandística.
Incumpre a normativa dos requisitos das escolas oficiais de idiomas
Esta instalación é a única das sete cidades galegas que incumpre o Decreto 197/2007 de 20 de setembro, que estabelece os requisitos mínimos que teñen que cumprir os edificios destinados a escolas oficiais de idiomas. Ademais, o alumnado e o profesorado de inglés de Santiago, está dividido en dous edificios (Vite e Sar), con todas as molestias e inconvenientes que iso supón. Actualmente o edificio de Vite atópase desbordado, cunha ocupación total das aulas desde as 9 da mañá ás 10 da noite, chegando a darse clases como xa teñen denunciado- incluso no salón de actos ou no laboratorio de idiomas.
Que non exista na capital de Galiza, un edificio adaptado ás necesidades e demanda real existente de aprendizaxe de idiomas implica que non se poida ampliar a oferta de novos idiomas que si se imparten noutras cidades galegas como o chinés, o ruso, o árabe ou o xaponés, ademais de non dar cumprimento á demanda dunha cidade cunhas características especiais como a Universidade, servizos centrais da Xunta e o turismo, coas posibilidades que brindaría ter ofertados eses idiomas para abrir mercados e contribuír a mellorar a súa profesionalización, indicou o portavoz municipal nacionalista en Raxoi.