O BNG reclámalle alcalde que rectifique a prohibición de que os músicos toquen no arco de Xelmírez
O atractivo dunha cidade non se mide só na súa gastronomía nin no seu patrimonio artístico, senón que hai outros elementos como a oferta cultural que son fundamentais, afirma Rubén Cela
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2014.- Rubén Cela cualificou de última ocorrencia do Goberno municipal o feito de intentar prohibir as actuacións dos músicos de rúa no arco de Xelmírez. Así, sinalou que tocar na rúa non é delito e, polo tanto, non hai que tratar as artistas e os artistas de rúa pouco menos que como delincuentes.
Deste xeito emprazou o alcalde a meditar a súa posición e a rectificar, posto que o atractivo dunha cidade non se mide só na súa oferta gastronómica nin no seu patrimonio artístico senón que hai outros elementos como a oferta cultural que son fundamentais e, a pesar de nos últimos anos veu a menos, indicou, non é exclusivamente a que programan as institucións públicas e entidades privadas, senón que hai unha parte moi importante nas rúas da nosa cidade.
Revisión de horarios e de decibelios, se fose preciso
Para Rubén Cela non se pode suprimir este emprazamento do arco de Xelmírez onde hai persoas que teñen iso como único medio de vida sendo un dos lugares onde pasan máis visitantes e é máis rendíbel para os artistas. Dende o BNG poderiamos entender que se revisasen, se é necesario, cuestións de horarios ou de decibelios mais estamos frontalmente en contra da supresión directa da posibilidade de actuar como se fai dende hai tantos anos nese arco que dá acceso á praza do Obradoiro, explicou.
Así, contrastou o celo do PP co espazo público nalgunhas cuestións coma esta e a permisividade que ten noutras coa privatización e nas auténticas barbaridades como as terrazas con tarima da Porta Faxeira e de Fonte Séquelo.
Así, reclamoulle ao Goberno municipal que revise esa posición, que rectifique esta decisión e consensúe cos artistas de rúa para garantir que poidan seguir tocando e vivindo das súas actuacións para que Santiago non perda o encanto desa oferta cultural e se compaxine cos dereitos dos clientes das instalacións hostaleiras que están máis preto dese emprazamento.